O histórico músico de Buena Vista Social Club actuará o venres,10 de novembro no Auditorio Mar de Vigo, no marco do Ciclo Suseia et Ultreia
O histórico músico cubano Eliades Ochoa, un dos soneros cubanos máis importantes de todos os tempos, actuará en Vigo o vindeiro 10 de novembro, O concerto terá lugar no Auditorio Mar de Vigo e enmárcase dentro do ciclo de concertos «Suseia et Ultreia», patrocinado polo Xacobeo e a Xunta de Galicia.
Ochoa pechará en Vigo unha xira europea de máis de 40 concertos, nos que presentou os temas do seu último disco «Guajiro», que veu a luz neste 2023. Este é o noveno álbum da súa carreira, no que colaboraron artistas como Rubén Blades, Joan as a Police Woman ou o bluesman Charlie Musselwhite. Avalado por 4 Grammy Latinos e cunha nominación aos Grammy, Eliades Ochoa (Santiago de Cuba, 1946) é unha lenda da música internacional e chegará a Vigo despois de pasar pola mítica sala Londinense Koko, onde actuará o vindeiro 29 de outubro coas entradas esgotadas desde hai semanas.
Ademáis da súa dimensión como sonero e de ser unha referencia absoluta da música tradicional cubana, Ochoa está considerado o mellor guitarrista da súa xeración. A súa imaxe, co seu icónico sombreiro de cowboy e o seu gusto por vestir de negro, valéronlle o sobrenome do Johny Cash de Cuba.
Aínda que xa tiña unha carreira consolidada, desde a publicación do histórico álbum Buena Vista Social Club, en 1997, producido por Ry Cooder, a súa vida cambiaría para sempre, do mesmo xeito que revolucionaría a historia musical de Cuba. O filme do mesmo nome, dirixido por Wim Wenders acadaría unha gran sona mundial e mesmo sería finalista dos Oscar.
A súa interpretación de temas como «Chan Chan», «El cuarto de Tula» o «El Carretero», disparou o seu éxito internacional e as súas xiras por todo o mundo, sendo reclamado para colaborar con artistas de prestixio como Bumbury, Aute, Jarabe de Palo, Pablo Milanés ou máis recentemente, no ano 2021, por C. Tangana. As entradas para a esta última actuación da xira «Guajiro» xa están á venda na plataforma www.teuticket.com.
Esta actuación do peche da xira «Guajiro», está encadrada no ciclo de concertos «Suseia et Ultreia, Todos os Pobos, Línguas e Tribos», que xa leva tido actuacións en diversas cidades de Galicia. Este ciclo ten como obxectivo celebrar a diversidade cultural, musical e lingüística e tender pontes entre culturas a través da presenza de artistas internacionais de prestixio. Ata o momento, teñen pasado artistas como a estadounidense de raíces haitianas Leyla McCallan, a arxentina La Yegros, a portuguesa Ana Moura ou os ucraínos Dakhabrakha, ademáis de Amancio Prada ou a rapeira Bewis de la Rosa.
Foto portada: Kevin Christopher