O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vén de rexistrar senllos rogos escritos para que se repare o acto vandálico cometido sobre o monólito erixido in memoriam de Rafael Bárez na confluencia da rúa que leva o seu nome coa Avenida da Concordia e para que se elimine unha pintada machista aparecida na Avenida Alfonso Molina
A respecto do monólito que rende tributo á memoria de Rafael Bárez, Jorquera apunta que “este monumento foi vandalizado con pintadas desde hai meses”, tal e como se aprecia nas fotografías que achegamos. Bárez, concelleiro de Urbanismo na primeira corporación democrática, foi un avogado laboralista e un “destacado loitador pola conquista das liberdades e os dereitos da clase obreira”.
Canto ás pintadas aparecidas na Vedra, -en concreto na parada de buses Alfonso Molina-Praza de Mdarid en dirección saída da cidade- conteñen “un insulto machista e vexatorio”, nun punto “no que agardan” o transporte público urbano moitas mozas para se dirixiren cara ao campus universitario, salienta Jorquera.
Cómpre, por tanto, reparar estes actos vandálicos e restituír estes elementos urbanos ao seu estado orixinario.