Dez probas puntuables compoñen o calendario do certame autonómico de CX
Cambio de terzo e de tempo. Despois de desfrutar de catro eventos internacionais en nove días con temperaturas máis propias do verán que do outono, o Ciclocrós autonómico dará inicio ao seu certame esta fin de semana cunhas condicións meteorolóxicas dignas do inverno. Haberá lama (e moita) nas dúas primeiras xornadas da Copa Galicia, o sábado en Betanzos e o domingo no ferrolán Val de Esmelle.
A dobre cita na provincia da Coruña abre un calendario que consta de dez probas e que concluirá o 30 de decembro en Nigrán. As primeiras camisolas de líderes poranse en xogo no Parque do Pasatempo, o circuíto preparado polo Caimanes Betanzos. Case 300 ciclocrosistas competirán nun evento que arrancará ás 11:30 horas coa quenda de promoción Infantil e as carreiras que reparten puntos comezarán ás 12 h coa categoría Cadete masculina. A manga feminina está fixada para 12:45 h e os Elite-Sub23 e Júnior comparecerán ás 13:30 h. A tarde queda reservada para os grupos de idade Máster masculinos: 30, 50 e 60 ás 15:45 h, baixando o pano os 40 ás 16:40 h.
O VI Concello de Betanzos foi presentado nun acto que contou coa presenza da alcaldesa María Barral; Ricardo Cheda, concelleiro de Deportes; José Manuel Pérez e Juan Carlos Díaz, secretario e tesoureiro do Caimanes Betanzos; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
Val de Esmelle
Ao día seguinte a Copa Galicia pechará a súa primeira fin de semana en Ferrol. O VII Ciclocrós Val de Esmelle reunirá a máis de 200 participantes dende as 9:30 h. A primeira carreira será a Máster-30/50/60. A continuación, ás 10:30 h, entrarán en escena os Máster-40 e ás 11:45 h chegará a proba dos rapaces da categoría Cadete. O Ciclocrós Inclusivo, nunha das súas citas desta temporada, pedirá paso ás 12:30 h, antes de que ás 12:45 h comece a quenda feminina e ás 13:45 h disputen a segunda xornada da Copa os Elite-Sub23 e Júnior. Do colofón encargarase o pelotón da promoción Infantil ao remate da competición raíña masculina.
As clasificacións xerais do certame de CX coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) tiveron como gañadoras e gañadores a pasada campaña a Iris Fernández e Xian Alvariño en Cadete, a Sarela Conde e André Martínez en Júnior, a Zaira Vila e Ricardo Buba en Sub23, a María Jesús Barros e Samuel González en Elite, a Iria Nieto e Miguel Porto en Máster-30, a Paula Blanco e Andrés Calvete en Máster-40, a Isabel Castro e Antonio Ferreira en Máster-50 e a ‘Tucho’ González en Máster-60.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós podes atopala na súa sección e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.