“Os Bolechas en familia visitan unha galería de arte” é o nome da nova obra de teatro que se atopa dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes
Bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… os antepasados dos Bolechas regresan nesta nova aventura plasmados no lenzo. A nova obra de teatro “Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte” chega aos teatros de toda Galicia, mañá actuarán na Casa Habanera de Guitiriz, ás 18 horas; e o domingo ás 17 horas, no Auditorio de Celanova.
Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco personaxe que realiza unha poxa de cadros, entre os que destacan algúns de artistas moi coñecidos: Castelao, Lugrís, Piccasso e algún petróglifo. Os Bolechas non acaban de entender os seus cadros abstractos e surrealistas e prefiren pintar outro tipo de arte, con cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar os seus antepasados e invitan aos cativos a recrear outras obras.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dende a Secretaría, remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalan.
A xira está orientada a un público cativo de entre 5 a 12 anos, mais tamén é unha opción para pasalo ben en familia. Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos antepasados, sen perder a diversión dos nenos. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e horna dos nosos antepasados.
Datas da xira
Cun total de 21 actuacións, o concello de Ames foi a primeira actuación da familia, e a el seguen os de Guitiriz, Celanova, Rianxo, Pontedeume, Porto do Son, Ribadeo, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Vilariño de Conso, A Cañiza, Carballedo, Bueu, Monterrei, A Rúa, Cospeito, Narón, Muros e Ribadavia.
Calendario
7 de outubro. Ames. Casa da Cultura do Milladoiro. 18 H.
21 de outubro. Guitiriz. Casa Habanera. 18 H.
22 de Outubro. Celanova. Auditorio Municipal. 17 H.
28 de Outubro. Rianxo. Auditorio Municipal. 12.30 H.
28 de Outubro. Pontedeume. Casa da Cultura. 18 H.
29 de Outubro. Porto do Son. Casa da Cultura. 17 H.
31 de Outubro. Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval. 17.30 H.
4 de Novembro. A Pobra do Caramiñal. Teatro Cine Elma. 17 H.
5 de Novembro. Abegondo. Centro Cultural O Salón. 18 H.
11 de Novembro. Vilariño de Conso. CEIP San Martiño. 17 H.
12 de Novembro. A Cañiza. Auditorio da Casa da Cultura. 12:30 H.
12 de Novembro. Carballedo. Salón de Actos do Concello. 18 H.
18 de Novembro. Bueu. Centro Social do Mar. 17:30 H.
19 de Novembro. Monterrei. Casa da Cultura de Albarellos. 12 H.
19 de Novembro. A Rúa. Centro Cultural Avenida. 17 H.
25 de Novembro. Cospeito. Casa da Cultura. 12.30 H
25 de Novembro. Ribadavia. Casa da Cultura. 18 H.
2 de Decembro. Narón. Centro Manuela Pérez Sequeiros. 18 H.
3 De Decembro. Muros. Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil. 17.30 H.
Os Bolechas para aprender e divertirse
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 700 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.
Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento