Ana Pontón chama a mobilizarse polo cambio á base municipal do BNG para darlle a Galiza unha presidenta coas mans libres

por Redacción Galicia

O BNG congregou en Santiago a súa forza municipal nun encontro con máis de 400 responsables locais aos que a portavoz nacional, Ana Pontón, deixou unha petición clara: mobilizarse polo cambio desde os concellos, porque o seu papel é clave para “unir” no BNG a toda á cidadanía que quere cambio e darlle a Galiza a primeira presidenta coas mans libres.

“Estamos a punto de facer historia, pero non podemos confiarnos, non podemos dar nada por feito, hai que mobilizarse polo cambio, hai que pelexalo e unir no BNG a todos os galegos e galegas que queren cambio, mobilizarse para que esa maioría siga medrando e teña no BNG a súa alternativa fronte ao PP, porque a única alternativa real para que haxa cambio é o Bloque Nacionalista Galego”, proclamou.

Ante o que considerou as eleccións “máis transcendentes en 42 anos”, Pontón trasladou en primeira persoa ese chamamento á mobilización a cada un dos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras do BNG, “que facedes un traballo extraordinario desde o goberno ou desde a oposición”, para activar á cidadanía desde a base, a mobilizarse polo cambio.

O cumio municipal do BNG puxo o acento no papel dos concellos liderados polo Bloque como exemplo de gobernos de calidade, que anticipan unha nova maneira de gobernar desde a Presidencia da Xunta, a favor da maioría e aproveitando todo o potencial dun “gran país” que hoxe soporta un “mal goberno” da man do PP, que deixa unha Galiza peor da que atopou fai catorce anos.

“Queremos impulsar ese cambio tamén desde os concellos e construír unha Galiza que mellore a vida da xente”, indicou Pontón, e nese obxectivo de mellorar a vida da maioría social o financiamento é un factor clave, indicou, para denunciar que as corporacións locais galegas son discriminadas polo actual modelo.

“Agora que se fala tanto de igualdade, agora que temos ao presidente da Xunta tan preocupado pola igualdade, dicirlle ao señor Rueda que esa igualdade non existe. O que existe é desigualdade, o que existe é discriminación cos galegos e as galegas”, destacou Pontón na súa intervención.

“Non hai igualdade cando temos salarios e pensións máis baixas; non hai igualdade cando o AVE chega con 30 anos de retraso; non hai igualdade cando recibimos menos investimento por habitante; non hai igualdade cando as multinacionais que explotan a nosa riqueza eléctrica pagan os seus impostos en Madrid e non hai igualdade cando Madrid recibe 600€ por habitante e Vigo 315 por un modelo de financiamento antigalego que non ten en conta a nosa realidade”, afondou a líder do Bloque.

Desigualdade e clientelismo

Unha discriminación que é dobre: a do Estado, cuns criterios de reparto que colocan á cola aos concellos galegos; e a do Goberno do PP, cuns criterios de reparto clientelares, arbitrarios, caciquís. Neste sentido, Madrid recibe do Estado 600 € por habitante; Vigo 315, a metade. Un concello galego con menos de 5.000 habitantes recibe 180€ por habitante, tres veces menos que un veciño de Madrid, destacou a modo de exemplo.

A segunda desigualdade ven do propio Goberno do PP polo seu reparto caciquil dos fondos. Nos últimos catorce anos o PP transferiu ás corporacións locais 5.650 M€, pero só o 32% deses recursos corresponden ao Fondo de cooperación local regulado con criterios obxectivos. O resto, -3.842 millóns de euros-, “foron repartidos dun xeito clientelar e discrecional, a través de convenios e subvencións que van parar maioritariamente a concellos gobernos polo PP”, denunciou.

A presidenta xusta con todos os concellos

“Tamén nisto Galiza precisa un cambio, un cambio para ter un goberno que trate a todos os concellos por igual, e quero ser a presidenta dese goberno que trate a todos os veciños e veciñas por igual, sen discriminacións, a presidenta dun goberno xusto con todos os concellos cun financiamento igualitario coa veciñanza. Nunca discriminarei a ningún veciño ou veciña polo signo político do seu alcalde ou alcaldesa. Nunca”, comprometeu Pontón.

Nesa dirección, o Bloque presenta unha estratexia baseada en dúas grandes propostas: elaboración dunha lei que regule a participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma e, en segundo lugar, elaborar un plan galego de financiamento dos concellos.

Igualmente, poñer en marcha un fondo anual de infraestruturas, activar instrumentos de transparencia e un fondo extraordinario ante o aumento de gastos enerxéticos dos concellos no exercicio das súas competencias e noutras que lle son impropias pero que se ven obrigados a afrontar. “Son propostas serias, rigorosas e solventes, porque así é como goberna o BNG nos concellos e así é como queremos gobernar o País para construír unha Galiza mellor”, sintetizou.

“E remato como empecei: pedíndovos a todos e todas o máximo esforzo e a máxima mobilización para ser motor de cambio desde todos os concellos do País. Non teño ningunha dúbida de que ides dar o mellor para abrir un tempo novo, para facer historia cun goberno do cambio liderado polo BNG”, concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario