Vigo xa conta cun Ensemble de Chelos, creado ao acubillo da Orquestra Kv2211

por Redacción Vigo

 A Orquestra Kv2211 presentou onte o seu Ensemble de Chelos durante o concerto «Música clásica polas parroquias» que se celebrou na AVCD Monte da Mina de Castrelos e que contou coa presenza de Gorka Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Vigo.



O concerto, con cheo absoluto, comezou coa actuación da Orquestra InfantilKv2211 baixo a dirección de Raquel Fernández. Máis de treinta nenos e nenas de 7 a 14 anos de idade, apoiados por músicos colaboradores da Orquestra Xuvenil, interpretaron un amplo repertorio de dez pezas. Podíanse respirar os nervios dos máis cativos que se estreaban coa Orquestra e que non esquecerán este primeiro día.

A continuación, subiu ao escenario o Ensemble de Chelos, integrado por 16 chelistas da Orquestra Infantil e XuvenilKv2211 que interpretaron dúas pezas adaptadas e arranxadas por Miriam Fernández, directora da agrupación. Co Ensemble de Chelos, a OrquestraKv2211 dá un paso adiante na diversificación das súas actividades formativas e interpretativas dos músicos de corda que a constitúen. O punto forte deste Ensemble de Chelos é precisamente a integración de todos os violonchelistas da Orquestra, desde os máis pequenos aos máis veteranos.

O ciclo «Música clásica polas parroquias» –deseñado para fomentar e divulgar os instrumentos de corda en todas as áreas de Vigo– forma parte da programación que a OrquestraKv2211 desenvolve en colaboración co Concello de Vigo.

O próximo concerto da Orquestra terá lugar o domingo 26 de novembro ás 18 horas no Centro Cultural de Bembrive co gallo da celebración de Santa Icía, patroa da música.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario