Juan Escudero, gañador do Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación da Coruña

por Redacción A Coruña

A área de Cultura da Deputación da Coruña concedeu o XVIII Premio Internacional «Jesús Núñez» de arte gráfica ao artista vasco Juan Escudero, pola súa obra «10 grados». Este primeiro premio consiste nunha dotación de 6.500 € e unha exposición na Fundación CIEC

Nunha edición con 114 propostas participantes, o xurado outorgou os dous accésits a Mateus Patryck de Oliveira, por «Painbody I» e a Maite Pinto, obra sen título, que recibirán unha Bolsa de Formación nun Curso do Máster sobre obra gráfica impartido pola Fundación CIEC.

O xurado, composto por Myriam Gelasaga –gañadora da anterior edición-, Susana González Martínez, Antonia Fraga Lombardero, Brita Prinz e Eva Vila Pou e presidido pola responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad de Jesús González, coa xefa de Servizo de Acción Cultural, Manuela Muñiz Souto, como secretaria, reuniuse na Fundación CIEC, en compañía do comisario do premio, Pedro González Galilea, e da administrativa da Fundación, María Sánchez.

Así, declararon a obra «10 grados» de Juan Escudero como gañadora «pola destreza técnica e cromática adaptada a unha sensibilidade extrema, denotando un traballo minucioso, suxerente e moi persoal», sinalou o xurado no seu ditame.

Trátase dunha serie inspirada «nas ondas do mar, expresadas en frecuencias e  vibracións. A base do traballo non é representar algo, senon activar un proceso de crecemento e construcción natural e así prodúcense formas recoñecibles» sinala o artista Juan Escudero.

Un ano máis, a Deputación celebra este certame, que naceu no ano 2006 co obxectivo de poñer en valor o talento na arte gráfica, e que é xa un referente neste ámbito.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario