O Concello da Coruña impulsa a constitución da sociedade xestora da Cidade das TIC

por Redacción A Coruña

O Goberno de Inés Rey convoca a Comisión de Estudo para a creación da sociedade pública, que contará cun capital social de 660.000 euros

O Concello da Coruña convocou hoxe a Comisión de Estudo que permitirá a creación dunha sociedade pública como estrutura de gobernanza da Cidade das TIC. O executivo local designou o presidente e os membros da dita comisión, liderada polo titular da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e integrada por un membro de cada grupo con representación en María Pita e persoal municipal de perfil técnico.

A comisión elaborará unha memoria técnica coa súa proposta, que será elevada posteriormente ao Pleno para a súa aprobación. O obxectivo é que antes de que finalice o ano estean aprobados os estatutos, a achega de capital social e constituída a sociedade.

O Concello estableceu coa Universidade da Coruña no convenio de colaboración firmado en xaneiro as bases para a redacción do plan director, unha memoria xustificativa da sustentabilidade económico-financeira da futura sociedade pública e o proxecto de estatutos dela. A dita sociedade terá por socios o Concello da Coruña, cun 51% de participación, e a UDC, co 49% restante. Establécese tamén que a fórmula societaria será unha sociedade de responsabilidade limitada cun capital social inicial de 660.000 euros.

O Goberno de Inés Rey continúa apostando decididamente pola Cidade das TIC, que será un gran polo tecnolóxico e xerará numerosos empregos na cidade e na súa área metropolitana. «A Cidade das TIC será un referente tecnolóxico nacional e internacional que, xunto coa posta en marcha da AESIA, facilitará a instalación de empresas do sector e servirá como vector de crecemento e dinamización económico da cidade e de Galicia en xeral», apunta José Manuel Lage.

A Cidade das TIC permitirá a creación de novas startups, o impulso do I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais. O Goberno de Inés Rey deu ata o de agora numerosos pasos para axilizar a dita posta en marcha, algo que quedou de manifesto coa actual execución dos traballos de mellora de accesos e de urbanización do espazo, que conta cunha achega municipal de máis de 3 millóns de euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario