Os maiores de 65 anos viaxarán gratis no transporte público da Xunta

por Redacción Galicia

Con esta medida, esténdese aos maiores unha gratuidade que xa se aplicaba aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, todos os maiores de 65 anos poderán viaxar de balde no transporte público da Xunta. Trátase dunha medida da que se beneficiarán máis de 50.000 persoas.

O mandatario galego adiantou esta medida no Pleno do Parlamento de Galicia, onde apuntou que esta iniciativa se suma a outras do Goberno galego de apoio a este colectivo, recollidas no Orzamento de 2024. En concreto, referiuse ao Carné +65, semellante ao Carné Xove, e que permitirá a este colectivo desfrutar de descontos en servizos, establecementos ou ocio.

Rueda defendeu que este tipo de iniciativas reflicten que os Orzamentos do vindeiro ano procuran a “utilidade” e “solucionar os problemas da xente” e, neste caso en concreto, para demostrar que o Goberno galego “segue a apoiar as persoas maiores”. “Isto é o que a xente nos pide”, argumentou.

O presidente da Xunta incidiu no carácter histórico dos Orzamentos de 2024 con 13.257 millóns de euros e puxo en valor que blindan os servizos sociais, á vez que contribúen a que Galicia “siga medrando” e “vaia cara a adiante”. “Galicia con este Goberno si que funciona”, aseverou.

O obxectivo desta nova medida do Goberno galego é ampliar a este colectivo a gratuidade que xa se aplica aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova e da que xa se benefician preto de 160.000 mozos galegos. Ademais, busca impulsar a mobilidade sustentable na comunidade e facilitar os traslados ás persoas maiores, especialmente no rural, que moitas veces dependen do transporte público para acudir ao centro de saúde, facer algún trámite ou desprazarse a unha actividade de lecer.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario