O concelleiro do BNG David Soto rexistrou un rogo escrito para instar o Goberno Local a que repare as beirarrúas da Rúa Illas Isargas, unha vía pública que une a Avenida de Novo Mesoiro coa estrada de Mesoiro
Trátase de beirarrúas beiradas por unha zona poboada de plátanos comúns e de céspede. O asunto é que o pavimento se acha en mal estado, con zonas levantadas e ocos no chan. A orixe do problema, alén do desgaste polo uso, apunta tamén ao desenvolvemento das raíces dos plátanos.
Para o concelleiro nacionalista, a solución ao problema non debe pasar en ningún caso por talar as árbores, sendo que “son necesarias para o mantemento da sombra e a regulación térmica na contorna”.
Unha solución máis razoábel, apunta, pasaría a curto prazo pola reparación dos puntos máis danados sen desbotar no futuro a rexeneración xeral da zona e, eventualmente, a mudanza do pavimento.
O texto literal do rogo rexistrado por Soto é o seguinte: “Que o Goberno Municipal ordene a reparación das beirarrúas da rúa Illas Sisargas en Novo Mesoiro, de forma que se eliminen os puntos perigosos para o tránsito peonil”.