Inés Rey: «O valor do que non se ve tamén está no traballo diario de entidades como ADACECO»
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a lectura do manifesto polo día nacional do Dano Cerebral Adquirido, a cargo de Juan Luis Delgado, presidente de ADACECO. «Hoxe é un día de reivindicación e de análise do que é unha realidade para moitas familias do noso país e que, como cada ano, manifestamos da man de ADACECO» sinalou a rexedora.
Baixo o lema ‘El valor de lo que no se ve’, a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) reclama unha maior visibilidade das persoas con dano cerebral adquirido para a súa completa inclusión. Ademais, no manifesto trasladan diferentes demandas como o impulso dunha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral Adquirido, a elaboración dun censo completo de persoas con Dano Cerebral así como a creación da categoría diagnóstica, aplicable no momento da alta hospitalaria.
A alcaldesa explicou que «o valor do que non se ve tamén está no traballo diario de entidades como ADACECO» e trasladoulle o apoio do Goberno local para seguir dando pasos de forma conxunta. Lembrou que no día de onte aprobouse en Xunta de Goberno Local o estudo de detalle para a construción do Centro de Día no barrio de Eirís. Rey emprazou a Xunta de Galicia a que tome parte no financiamento do proxecto: «Somos conscientes de que precisades financiamento e neste día de reivindicacións quero esixirlle á Xunta de Galicia que se implique no financiamento deste centro tan necesario para a cidade da Coruña e toda a súa área» concluíu.