A Federación Galiza Cultura inicia a celebración conxuntamente coas súas entidades federadas da Coruña, a A.C. Alexandre Bóveda, a A.C. O Facho, a A.V.C.D e R. Agra do Orzán e a A.C. Tempo Novo e que ten continuidade noutras localidades de Galiza. O Paraninfo da Universidade acubillará o acto a partir das 19.30 horas desta terza feira 31 de outubro
A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, conxuntamente coas asociacións federadas, queren celebrar o Samaín profundando e poñendo en valor o significado que na nosa cultura e ao longo da nosa historia ten dita celebración así como a forma específica de entender a morte en Galiza.
Con esa finalidade botarán man do texto de Castelao ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’, que reflicte desde unha visión critica, mais tamén retranqueira, a nosa visión da morte, tal como a entendemos na Galiza, xusto nas datas de celebración do Samaín.
A peza de Castelao, da que se cumpriron os cen anos da súa publicación por parte da Editorial Céltiga de Ferrol, representa unha metáfora da Galiza e amósanos a sociedade na que vivía Castelao (que ben pode ser na que vivimos nós) mirada por un esqueleto, que en vida (en carne, como persoa) non era quen de ver a realidade, a sociedade na que vivía e o significado das cousas, mais en morte, a través dun obxecto (o seu ollo de vidro, que se converte en fetiche, en moeda de cambio, nun lente) é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo do que provén (a vida) exactamente igual. O alén, a morte, non se concibe coma un acto onde conclúe a vida porque a morte é igual que a vida.
A actividade, un dos acordos tomado na asemblea da Federación realizada en xullo no Convivio da Cultura galega realizado na Casa-Museo Manuel María, ten unha xeira de celebracións que se pon a andar na cidade da Coruña esta terza feira vindeira, 31 de outubro, a partir das 19.30 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña onde, á lectura pública da mencionada obra de Castelao, seguirá un magosto popular como xeito de convívio e celebración colectiva. Neste caso, ademais da Federación Galiza Cultura, convocan o acto as entidades federadas da contorna da Coruña: a A.C. Alexandre Bóveda, a A.C. O Facho, a A.V.C.D. e R. Agra do Orzán e a A.C. Tempo Novo.
O acto será aberto e público para quen quixer participar e a propia Federación convida á veciñanza da cidade a se achegar.
Nesta actividade colabora a Universidade da Coruña e está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2023 da Deputación da Coruña.