A Secretaría de Migracións do PSdeG de Ourense informa de que o Bono Coidado Universal anunciado por Rueda é incompatible coa prestación de dependencia alemá

por Redacción Ourense

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa aos retornados que o Bono Coidado Universal, anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no debate do estado de autonomía, é incompatible coa prestación de dependencia que reciben os emigrantes retornados de Alemaña polo seu seguro de dependencia xermano.

A raíz desta situación dende a área de migracións do PSOE ourensán instan ao presidente da Xunta a que os servizos autonómicos “non poñan trabas, nin obstáculos, nin fagan presión aos retornados de Alemaña que, sendo perceptores da prestación económica da dependencia alemá, paralelamente solicitaron o recoñecemento da dependencia española”. O secretario provincial de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín Iglesias, sinala que este último trámite “é puramente de natureza fiscal, dado que a Axencia Tributaria española só considera exento de declarar ou tributar esa prestación de dependencia alemá se ao mesmo tempo o emigrante ten unha cualificación de dependencia española”.

Moitas familias de retornados de Alemaña informaron á secretaría provincial de migracións que por parte dos técnicos da Xunta “advírteselles, mesmo ameazan,  que poden perder o recoñecemento provisional de dependencia española se non se solicitan ao mesmo tempo un servizo ou prestación correspondente, creando así unha situación de angustia e inseguridade nas familias afectadas”. Neste senso, Gulín Iglesias fai fincapé en que “algunhas das persoas beneficiadas teñen familiares recoñecidos como coidadores non profesionais, dados de alta ante a Seguridade Social alemá cunha base de cotización de 2030 euros ao mes”.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense ínstase ao presidente a “documentarse desta situación especial, única en Europa, e por descoñecemento manifesto formar ao persoal técnico de servizos sociais da Xunta de Galicia e crear unha solicitude axilizada para este colectivo para ter o recoñecemento de dependencia a efectos fiscais”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario