Mario Weitz, economista, director xeral de Consulta Aberta, Ex-Conselleiro do Fondo Monetario Internacional e Conferenciante Internacional, será o responsable de impartir a Masterclass “Perspectivas da economía mundial e impacto no sector alimentario”
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso co talento, impulsa o Programa “Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias” que, deseñado xunto á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), se impartirá de marzo a novembro de 2024 co obxectivo de impulsar o crecemento e a excelencia dos profesionais que integran as empresas do sector da alimentación e das bebidas galego.
Para presentar este Programa, Clusaga e UIE celebran, o vindeiro 9 de novembro, de 12 a 14 horas, no Centro ABANCA Obra Social (Praza de Cervantes, s/n, Santiago de Compostela), a Masterclass “Perspectivas da economía mundial e impacto no sector alimentario”, a cargo de Mario Weitz. Ao remate do encontro, abrirase unha rolda de debate, resolución de dúbidas e intercambio de impresións co experto. Asimesmo, as persoas asistentes poderán aclarar todas as cuestións relativas ao Programa
Economía mundial aplicada ao sector alimentario
O economista, director xeral de Consulta Aberta, ex-conselleiro do Fondo Monetario Internacional e conferenciante a nivel mundial ofrecerá unha visión global da economía mundial e española, así como da súa influencia no sector da alimentación. Na primeira parte da xornada abordará aspectos chave como o conflito Ucraína – Rusia, os tipos de interese, a inflación ou a recesión global.