Rueda recolleu as prioridades da zona de Lemos nunha reunión con representantes do PP

por Redacción Lugo

O presidente do PPdeG abordou, entre outras cuestións, o esforzo inversor do Goberno galego nesta área, con importantes achegas como as do hospital de Monforte

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse o pasado venres con alcaldes e voceiros da formación nos concellos correspondentes ao partido xudicial de Monforte de Lemos.

A xuntanza tivo lugar en Pantón co alcalde deste municipio, José Luis Álvarez, como anfitrión. Xunto a el estaban ademais outros oito alcaldes e voceiros de Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober, onde estivo posteriormente co autobús de ‘Galicia non para!’.

Todos eles tiveron así a oportunidade de trasladarlle ao líder do PPdeG as prioridades, preocupacións e reivindicacións dos veciños e veciñas desta zona de Galicia que suma preto de 35.000 habitantes. Rueda, pola súa banda, amosou o seu interese por coñecer de preto, e de primeira man, os proxectos de futuro que marcarán o avance da Ribeira Sacra e a súa área de influencia.

O líder dos populares galegos reivindicou neste sentido as certezas que ofrece Galicia, á que definiu como unha “illa” dentro do contexto nacional. De feito, veñen de aprobarse en tempo e forma os décimo quintos orzamentos autonómicos de xeito consecutivo, os máis elevados da historia da Comunidade,

No caso da zona de Lemos, nos presupostos destacan as partidas de máis de 30 millóns de euros para persoal do hospital de Monforte e de 1 millón de euros para o seu plan director de ampliación. Así mesmo, en materia de infraestruturas sobresae o investimento para a estrada entre Quiroga e Seoane do Courel, unha glorieta en Sober ou sendas peonís e ciclistas como a prevista en Pantón. O Goberno galego, tamén aquí, quere seguir investindo en estabilidade, nas persoas e no futuro.

Por último, os asistentes á reunión lle trasladaron a súa confianza ao presidente Rueda de que, cando chegue o momento, conseguirá a súa primeira maioría absoluta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario