CCOO de Galicia convoca para o xoves, día 2 de novembro, concentracións en A Coruña e Vigo pola paz e en apoio ao pobo palestino.

por Redacción Galicia

Terán lugar ás 20 horas na Coruña (Obelisco) e Vigo (Farola de Urzáiz). Comisións fai un chamamento á cidadanía para participar nesta convocatoria en apoio do pobo palestino da Franxa de Gaza, que sofre un ataque sen precedentes agravado pola ausencia de axuda humanitaria, coas persoas totalmente desprotexidas e sufrindo de forma constante os ataques de Israel.

Unha paz duradeira e xusta

CCOO condena todo tipo de violencia, tanto a perpetrada por Hamás contra a poboación israelí como a exercida na escala belicista de Israel contra o pobo palestino en Gaza. Para CCOO, garantir a paz debe ser o obxectivo principal, mais para alcanzala (e que sexa duradeira e xusta) é preciso acatar os principios xurídicos dos acordos e consensos internacionais, conculcados de maneira permanente, e recuperar o principio de autodeterminación do pobo palestino.

CCOO coida imprescindible a presión política e social internacional para conseguir este fin. O Goberno de España (que este semestre asume a presidencia do Consello da UE) debe liderar no ámbito internacional, tanto na Unión Europea como perante as Nacións Unidas e outros foros internacionais, unha postura firme para garantir o respecto ao dereito internacional.

Neste sentido, CCOO insta o Goberno español a que, no prazo máis breve posible, recoñeza o Estado palestino, facilitando as vías para unha solución negociada do conflito dentro da legalidade internacional. Así mesmo, demándalle á comunidade internacional que esixa o cumprimento das resolucións da ONU e medidas concretas para acabar coa ocupación de Palestina e a violación dos dereitos humanos na rexión.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

Gabinete de Comunicación

Horario: luns a venres, 9-16 h

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario