Formoso destaca que o futuro goberno socialista na Xunta «sacará do caixón» a Memoria Democrática e dignificará ás vítimas do franquismo

por Redacción Pontevedra

O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, destacou este martes que o futuro goberno socialista na Xunta sacará a Memoria Democrática “do caixón” na que a meteron Feijóo e Rueda e dignificará ás vítimas da ditadura franquista.
Os socialistas galegos conmemoraron o Día de Homenaxe e Recordo ás vítimas do golpe militar, a guerra civil e a ditadura franquista cun acto realizado no monumento aos fusilados no Alto da Concheira, en Redondela. No acto interviron, ademais de Formoso, a alcaldesa local, Digna Rivas; a deputada  Paloma Castro, en representación da executiva provincial, e José Blanco “Bullo”, quen falou da experiencia de represión vivida pola súa nai.
Nese mesmo lugar, onde foron fusiladas polas súas ideas ata 21 persoas, entre elas Manuel Lustres Rivas, un xornalista vinculado ao Faro de Vigo e comprometido co impulso ao Estatuto de Autonomía de 1936, ao que Formoso destacou como “referente”. Así mesmo, sinalou que é a obriga das xeracións actuais “dignificar o noso pasado polas familias e polas propias vítimas”, algo que entende que non está a facer a Xunta.


“En Galicia se está a ofender a memoria dunha boa parte da sociedade e da historia do noso país”, apuntou o socialista, quen considera que o goberno galego “non mira cara a dignidade” ao ignorar as máis de 500 fosas comúns que hai na comunidade autónoma sen investigar”.
Reprochou a Alfonso Rueda que diga que a súa aspiración é que en Galicia non haxa ultradereita e incorporala no PP. O secretario xeral do PSdeG considera isto preocupante, xa que “son estas persoas as que teñen que tomar as decisións e teñen no seu ideario que non existe a violencia machista, que non hai necesidade de loitar contra o cambio climático e que queren poñer parapeto ás ansias de igualdade e de derrubar as barreiras entre as clases sociais”, alegou.
UN VOTO POLA MEMORIA EN 2024
Formoso apuntou que “é importante que nas próximas eleccións autonómicas haxa un voto reflexionado, pola memoria do noso país e por esas familias que están pedindo dignidade, que teñen aos seus familiares nas cunetas aínda”. Un voto que para o socialista “ten que ver co freo da fuga de talento, pero tamén coa dignidade como pobo que respecte a pluralidade ideolóxica” e unha historia que “a Lei de Memoria Democrática quere dignificar”
Lembrou o grito “non pasarán” que remarcou que “aínda ten que imperar na política española”, alegando que hai que enuncialo contra “quen pretende que as políticas de ultradereita estean incorporadas na xestión pública. Por elo, o PSdeG vai a estar aí dando a loita ilusionando ao país e da man daqueles que buscan recuperar a dignidade de tantas e tantas familias”, concluíu.
AS MADRIÑAS DE SAN SIMÓN
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor esta escultura fronte á cal realizaron este acto no 2021 en conmemoración do 90 aniversario da Segunda República.  Así mesmo, puxo en valor ás mulleres da Illa de San Simón coñecidas como as madriñas, que como a nai de José Blanco traballaban a escondidas en favor dos máis de 6.000 presos que houbo na illa pola represión franquista.
A deputada Paloma Castro criticou que “ao PP non lle gusta falar de memoria porque ten un nicho de voto que comparte coa ultradereita e non o queren perder”. Así mesmo, remarcou que “en Galicia teñen que levarse a cabo estas políticas de memoria”, e que a comunidade “non pode quedar atrás con respecto de España e temos unha débeda coa historia e con tantas e tantas persoas, especialmente mulleres, que sufriron a represión”.

Comparte éste artículo
2 Comments