A produción eléctrica renovable en Galicia baixa nos nove primeiros meses de 2023

por Redacción Galicia

As centrais de gas fósil de Sabón e As Pontes están a cubrir parte do oco deixado polo carbón e a coxeración fósil

Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica (Redeia) (1), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% nos nove primeiros meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2022, debido á recuperación da produción hidroeléctrica. Sen embargo, diminuíu o 3% en comparación coa produción media durante os nove primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022. 

A pesar de non ter aumentado en termos absolutos, a porcentaxe de produción eléctrica renovábel sobre a total subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para se situar no 69,7% no que levamos de 2023 (2).  Unha cifra lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén inferior aos obxectivos para o mesmo ano da Xunta (84,8%) e do Ministerio para a Transición Ecolóxica (81% de media en España).

Fontesxan-set 2022xan-set 2018-2022xan-set 2023
MWh% totalMWh% totalMWh% total
Hidráulica2.237.01515,15.056.66628,14.778.68929,6
Eólica6.312.76742,66.218.84934,56.178.38338,3
Solar fotovoltaica19.2570,117.8470,119.6840,1
Biomasa e biogás382.0862,6291.1791,6265.7001,6
Xeración renovábel8.951.12560,411.584.54164,411.242.45769,7
Turbinación bombeo57.7110,431.7150,2156.3891,0
Ciclos combinados (gas fósil)3.653.61624,62.148.66211,92.977.66018,5
Carbón643.8024,32.347.02613,0616.3343,8
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel)1.289.7808,71.645.6529,1904.1285,6
Residuos232.3821,6243.6351,4232.8501,4
Xeración non renovábel5.877.29039,66.416.69035,64.887.36130,3
Total14.828.41518.001.23116.129.817

De acordo cos datos divulgados por Rede Eléctrica, a potencia renovábel instalada en Galicia ficou estancada durante os nove primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que seguramente terá achegado unhas decenas de MW máis aos 7.702 MW de potencia renovábel, cun impacto moi limitado na produción.

A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica nos nove primeiros meses de 2023 medrou 5,3 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mais non polo aumento da súa produción senón polo descenso da xerada con carbón e nas centrais de coxeración fósil que subministran electricidade e calor a algunhas industrias.

O 4 de outubro pasado, coa desconexión da central de carbón das Pontes, foi o derradeiro día da xeración eléctrica con carbón en Galicia.  Nos nove primeiros meses deste ano o carbón importado achegou o 3,8% da electricidade obtida en territorio galego. Unha cantidade relativamente pequena, mais que abondará para colocar a esta central eléctrica entre as industrias galegas con maiores emisións de gases causantes de cambio climático en 2023.

A baixada da achega do carbón e das centrais de coxeración, alimentadas por gas fósil e produtos petrolíferos, provocou unha redución da produción eléctrica total e un incremento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). A produción conxunta destas centrais medrou o 39% nos primeiros nove meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mentres o total de electricidade producida diminuíu o 10%.

O lento avance da transición eléctrica en Galicia arrastrado desde comezos da década de 2010 está a fortalecer o papel das centrais de ciclo combinado a gas fósil inauguradas en 2007, especialmente en anos secos como o pasado e durante o verán. Así, en xuño e xullo deste ano lideraron a produción eléctrica no noso país, atinxindo un 35% da total. Tamén cómpre destacar que a suma de todas as fontes non renovábeis representou o 44-50% da electricidade producida entre xuño e setembro.

A tendencia á estabilización da produción eléctrica renovábel nos últimos anos, unida á falta de progresos na electrificación do consumo de enerxía (3), está a lastrar a loita contra a crise climática desde Galicia. A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.

Notas

1.      Datos procedentes de Red Data (https://www.ree.es/es) e da app redOS.

2.      Non se inclúe nesta cifra a incineración de residuos orgánicos, por non a considerarmos unha fonte renovábel, aínda que si o é oficialmente. Con residuos, a xeración renovábel supón o 70,4%.

3.      Máis información sobre este aspecto en https://ogacli.org/electrificacion-da-economia/.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario