Javier Castiñeira destaca a “experiencia e coñecemento do asociacionismo do funcionamento dos servizos sociais” de Dolores Labrada, da que afirmou “será un gran activo para o Grupo Municipal”
No último pleno do Concello de Foz, celebrado o pasado xoves, tomou posesión como nova concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Dolores Labrada, que chega á corporación trala renuncia, por motivos persoais, de Antonio Hermida.
O voceiro popular en Foz, Javier Castiñeira, dá a benvida á nova concelleira popular da que destaca que é “unha persoa moi vinculada ao asociacionismo, ademais de ter un amplo coñecemento do funcionamento dos servizos sociais”. “Chega á corporación con moita ilusión e gañas de aportar ao Grupo Municipal Popular para poder mellorar o Concello de Foz e, por tanto, a vida de todos os veciños”, destacou.
Javier Castiñeira explicou que “a experiencia” de Dolores Labrada “será un gran activo para o Grupo Municipal” e axudará a reforzar a atención ás parroquias do rural do municipio ademais de “aportar coñecementos fundamentais sobre o funcionamento dos servizos sociais”.
O voceiro popular ve a Dolores Labrada como “unha peza fundamental”, do mesmo xeito que era Antonio Hermida, que tivo que renunciar a súa acta de concelleiro por motivos persoais, e ao que “lle agradecemos toda a súa dedicación durante estes últimos anos e que como veciño seguro que vai a seguir tendo”.
“Traballar por e para Foz”
Dolores Labrada explica que “quero traballar polo municipio e polos seus veciños, ao igual que todos os meus compañeiros do PP de Foz”. “Neste caso, dende a oposición traballarei arreo para facer unha oposición responsable e propositiva, pero tamén cun control moi estreito da actividade do goberno local para que non se repitan situacións como a deste verán, na que todos sufrimos case dous meses de problemas co abastecemento da auga”, explicou Labrada.
Os populares agardan que o goberno local mude a súa actitude e comece a valorar as nosas iniciativas. “Estar na oposición non implica estar en contra de todo, ao contrario, buscamos o xeito de realizar propostas en positivo para mellorar Foz”, afirman.