O PP critica que Tomé “preside un goberno sen proxecto” e que solo foi ao Parlamento “a atacar á Xunta ao non explicar nada dos próximos orzamentos da Deputación”

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide afirma que vimos a un presidente da Deputación “nervioso, sen ilusión e sen proxecto” e durante a súa intervención “non fixo apenas referencia ás contas da Deputación para 2024” e unicamente se amosou “obsesionado con facer oposición á Xunta de Galicia”

Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo tiveron que achegarse hoxe ata o Parlamento de Galicia para poder ter coñecemento das liñas mestras dos orzamentos do goberno provincial para 2024, “unha clara mostra de falta de respecto e lealdade institucional” de José Tomé que “nin sequera tivo a ben responder á petición de xuntanza que lle realizamos dende o Grupo Popular” para poder sentarnos e dialogar sobre os orzamentos do vindeiro ano.

Ata Santiago de Compostela desprazáronse o voceiro, Antonio Ameijide; a vicevoceira, Carmen José López; e o deputado, José Pardo, que amosaron o seu malestar “por ter que coñecer algunha pincelada dos orzamentos fóra da provincia de Lugo” xa que a realidade do que fixo o presidente da Deputación foi “empregar as súas intervencións para “lanzar ataques continuos á Xunta de Galicia”.

Os deputados populares preguntan a Tomé “para que foi a Santiago de Compostela a atacar a Xunta de Galicia en lugar de presentar os orzamentos da Deputación de Lugo” xa que o único que dixo das próximas contas provinciais é que chegarán ata os 116M€.

“A realidade é que o modelo de Tomé e do PSOE e BNG está esgotado. Non se entende que o presidente da Deputación empregue o 90% do tempo para presentar os orzamentos en ataques á Xunta de Galicia”, indicou.

Antonio Ameijide amosou o seu pesar por ver como, un ano máis, semella que José Tomé “conxela” o Plan Único para os concellos seguramente para seguir destinando os recursos económicos a aqueles concellos que quere Tomé e para potenciar as carreiras políticas dos cargos do PSOE.

Neste senso, o voceiro popular recorda que pedimos aumentar os fondos que a Deputación de Lugo destina ao Plan Único nun 30%, é dicir, en 6.5M€, a mesma cantidade económica que José Tomé destinou durante os cinco primeiros meses do 2023 —de xaneiro a maio— a convenios aprobados a porta pechada en xunta de goberno —44 con concellos gobernados polo PSOE, 11 con municipios liderados polo BNG, 3 para municipios dirixidos por independentes e ningún convenio con concellos gobernados polo PP—. “Demostran que o único obxectivo de Tomé é continuar practicando un municipalismo de amiguetes para favorecer aos seus – PSOE e BNG – ademais de destinar os recursos económicos da Deputación a potenciar as carreiras políticas dos socialistas”, denuncia.

Os populares lamentan que “lonxe quedan os anos nos que a Deputación era o motor da provincia” xa que na actualidade a Deputación de Lugo non lidera nin a creación de emprego, nin a promoción do turismo, nin o apoio á industria “o que provoca que a provincia de Lugo segue perdendo competitividade a un ritmo alarmante”.

FALTA DE LEALDADE COS LUCENSES E A OPOSICIÓN

Para os deputados populares que José Tomé presentase en primeiro lugar os orzamentos da Deputación en Santiago de Compostela “é unha falta de respecto a todos os lucenses e ao Grupo Provincial Popular”, pero, engadiu, “non nos estraña vindo dunha persoa que esixe reunirse co presidente da Xunta e nin sequera é capaz de dar unha resposta á petición de xuntanza realizada polos deputados populares e por numerosos alcaldes da provincia e leva 5 anos sen recibir alcaldes do PP”.

Ademais da petición de subir o Plan Único Provincial nun 30%, os deputados populares querían presentar outras propostas para os orzamentos na xuntanza que solicitaron con Tomé. Algunha desas propostas son:

  • Consignación orzamentaria necesaria para aprobar un Plan Provincial Plurianual de Rehabilitación de Firmes de Vías Provincias que se atopan en mal estado no que se dea prioridade á conservación e mellora das estradas nas que non se levaron a cabo obras de conservación e mellora nos últimos anos 
  • Creación de polígonos industriais e posta en marcha e impulso dos xa construídos, ademais de mellorar o mantemento dos bens de titularidade provincial.  
  • Plan provincial de axuda aos concellos para o ciclo auga 
  • Axudas destinadas aos servizos de conciliación (servizos madrugadores, atención de tarde e escolas deportivas). 
  • Apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes para:
  • Elaboración técnica dos distintos plans municipais
  • Tradución de páxinas web municipais de turismo
  • Eliminar barreiras arquitectónicas en edificios municipais
  • Dixitalización 
  • Consignación orzamentaria suficiente para a construción e  equipamento de Centros de Atención a Persoas Maiores (CAM´S), como por exemplo os de Guitiriz, O Courel, Cervantes, A Pontenova ou Becerreá
  • Consignación orzamentaria para a concesión de axudas ás confrarías de pescadores e ás agrupacións/ asociación  de Mariscadoras.
  • Creación dun plan de axuda ao sector primario da provincia.
  • Colaboración cos concellos no cumprimento da lei de benestar animal
Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario