O PSdeG-PSOE de Cerdido presentou no pleno municipal unha moción para esixir á Xunta que inclúa investimentos no municipio nos seus orzamentos para 2024 e outra para que se graven as sesións plenarias e se poñan á disposición da veciñanza en internet.
O voceiro socialista local, Brais Prieto, critica que as dúas mocións fosen rexeitadas cos 5 votos en contra do PP fronte os 4 votos a favor do PSOE: “Os socialistas non comprendemos como o Partido Popular pode votar en contra de que os veciños vexan recollidas nos orzamentos da Xunta melloras nas estradas que a diario frecuentan, así como que os veciños poidan acceder aos plenos en vídeo”.
“Podemos chegar a comprender que se opoñan a esixir á Xunta, por ser do seu mesmo partido, esta demanda que vén de anos atrás, e se conformen coa eterna partida para a VAC que non remata de chegar, pero non podemos comprender como poden votar directamente en contra de que se graven os plenos municipais”, engadiu Prieto.
O socialista criticou tamén as alegacións ao respecto do alcalde, que afirmou “que non é posible modificar os orzamentos da Xunta, cando até o 17 de novembro hai a opción de presentar emendas por parte da oposición, así como existe a opción de que o propio PP na Xunta, con maioría absoluta, os modifique”.
“Todo isto antes de que o 20 de decembro se produza a aprobación definitiva dos orzamentos”, explica.
A moción dos socialistas reclamaba á Xunta a mellora total do firme das estradas AC-102 e AC-110, a inclusión dunha partida para a limpeza no cauce dos ríos que discorren polo municipio, e o tratamento da problemática que se da en épocas de fortes choivas nos cauces dos ríos Barbelas e Pontellas.
Por outra banda, a segunda moción instaba ao Goberno local “a que inicie os trámites e a loxística necesarios para levar a cabo a grabación con audio e vídeo dos plenos municipais”, en prol “da transparencia e a accesibilidade dos veciños e veciñas á actividade política municipal».