A súa actuación será o 11 de xullo e as entradas sairán este xoves á venda a partir das 10.00 horas
Camilo é o primeiro artista confirmado para a segunda edición do ciclo de concertos Coruña Sounds, promovido polo Concello da Coruña. A súa actuación será o xoves 11 de xullo de 2024 e as entradas sairán á venda este xoves, 9 de novembro, a partir das 10.00 horas.
Camilo, nacido en Medellín en 1994 é un dos artistas máis destacados do pop latino e da música urbana a nivel mundial. Toda unha estrela da música popular e unha das personalidades máis influentes para as novas xeracións. O gañador de catro premios Latin Grammy tan só na última edición do certame é unha das voces máis queridas e seguidas polos mozos (e xa non tan novos) a nivel mundial.
O Goberno de Inés Rey presenta este concerto do ciclo Coruña Sounds como o primeiro dunha serie que se celebrará o próximo verán. Na súa primeira edición, celebrada no Porto coruñés, milleiros de persoas asistiron a concertos como Scorpions, Marea ou ZAZ.
Camilo volve á cidade tras o seu paso este verán polo Coliseum, concerto no que se encheu o recinto municipal. As entradas poderanse comprar a través de Ticketmaster e na billeteira da praza de Ourense.