A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou iniciar os trámites para a reclamación de 14,1 millóns de euros á UTE Albada, empresa concesionaria da Planta de Residuos de Nostián
A cantidade correspondente ao sobrecusto asumido por este Concello pola xestión dos residuos desde 2011, para os que o Concello só debería ter pagado 1,5 millóns dos 15,7 totais que finalmente se aboaron ata o 2018. «Trátase dun procemento longo e complexo no que este Concello leva anos traballando tanto no ámbito administrativo como no xudicial» explicou a alcaldesa.
Rey lembrou que no pasado mandato o Tribunal Superior de Xustiza emitiu unha sentenza que confirmaba que o custo do tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria e non polo Concello da Coruña. «Por iso, para reclamar as cantidades indebidamente cobradas, iniciamos agora o procedemento administrativo, sabendo que non é un tema que se solventará nun curto prazo pero que esixe continuar dando pasos para a súa solución» sinalou.
O Goberno de Inés Rey está avanzando no deseño do novo modelo de xestión de Nostián. A pasada semana, o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, trasladoulle á Xunta de Galicia o acordo coa empresa para o selado dos vasos, que asumirá a concesionaria. Ademais, xa se mantiveron dúas reunións dos concellos da área co obxectivo de ir definindo o modelo de forma conxunta. «Porémolo en marcha este mandato tal e como nos comprometemos e o noso obxectivo é o de poder definir a licitación do novo contrato a finais deste ano ou a inicos do 2024» concluíu a alcaldesa.