«Á vista dos incidentes na rede provincial nos últimos días debido ás inclemencias meteorolóxicas», o portavoz do Grupo Provincial Popular fai unha proposta en ton construtivo porque «a seguridade débemos preocupar a todos»
Coa chegada da época de chuvias que están a ser intensas e continuas nos últimos días estanse a suceder varios incidentes na rede de estradas provincial relacionados con desprendementos, afundimentos ou pola erosión dos terreos que socavan a parte inferior ao pavimento.
É por iso polo que, en ton construtivo, o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, propón que a Deputación de Lugo desenvolva un plan de inspección e mantemento anual das estradas provinciais que inclúa a revisión do estado de puntos perigosos, pontes, obras de drenaxe transversal, pasos da canles fluviais ou terrapléns e desmontes.
O popular cre que “a seguridade nas estradas na totalidade dos concellos da provincia nos debe preocupar a todos” e, polo tanto, se deben tomar medidas “á vista dos incidentes que incluso provocaron o corte dalgunha vía de titularidade provincial nos últimos días”.
“A pesar de que estes incidentes se deban a causas fortuítas relacionadas coa meteoroloxía”, Ameijide incide en que “se se leva a cabo unha boa inspección acompañada polos labores de mantemento necesarios, pódense evitar algunhas destas situacións”.
A rede viaria da Deputación de Lugo é fundamental para a vertebración do territorio. Constitúen, en moitos casos, a principal vía de comunicación por estrada de moitos núcleos da provincia. É por iso polo que dende o Grupo Provincial Popular teñen defendido en moitas ocasións a necesidade de aumentar os esforzos para o seu correcto mantemento, conservación e reparación onde sexa necesario.
O mantemento das estradas provincias -igual que o das zonas verdes e fluviais e dos edificios de titularidade da Deputación de Lugo- é un dos puntos que os deputados populares propoñían abordar nunha reunión solicitada formalmente co presidente da institución provincial de cara a debater aspectos a ter en conta nos orzamentos da Deputación para o ano 2024.