O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia presenta as súas XXVIII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, co título “A morte”, que se levan a cabo no Auditorio de Nigrán (Pontevedra) entre os días 9 e 11 de novembro, e á que asistirán máis de 130 psicólogos e psicólogas
Estas Xornadas, que se celebran anualmente, tratarán nesta edición un tema universal como é o do pasamento, desde a abordaxe de cuestións como a dó, o suicidio e os coidados paliativos.
Preténdese dar a coñecer as principais características da dó, tanto na poboación adulta como na infanto-xuvenil e o seu manexo clínico. En segundo lugar, a problemática dos suicidios tamén será outro dos aspectos protagonistas das Xornadas, tendo en conta que o tema do suicidio ten un enorme peso na nosa Comunidade: Galicia é a segunda Autonomía con maior taxa de suicidios, tras Asturias, e a quinta en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e Madrid. As persoas relatoras convidadas reflexionarán sobre a intervención en prevención do suicidio e analizarán a relación entre suicidio e trastornos por uso de substancias.
Outro obxectivo é mostrar as características da PAM (Prestación de Axuda para Morrer) e a súa aplicación en Galicia, así como debater acerca das cuestións bioéticas que a morte suscita nos e nas profesionais sanitarias. E finalmente, complétase o programa abordando os coidados paliativos, tanto en poboación adulta como en adolescentes, e tanto hospitalarios como no fogar do paciente.
A presidenta do Comité Científico das XXVIII Xornadas, a psicóloga clínica Irene Esperón, apunta a que a finalidade desta actividade formativa é “crear un foro onde se poida dotar de naturalidade a algo tan universal como é a morte”, xa que na nosa sociedade hai poucos contextos onde se poida falar abertamente deste tema. “O feito de que non se mencione a morte ou a afastemos da nosa consciencia leva a que cando inevitablemente aparece nas nosas vidas (propia ou dun familiar) nos ocasione moito sufrimento. Os tabús da índole que sexa só ocasionan soidade e escurantismo, que non permiten, en definitiva, naturalizar o humano. Os humanos son a única especie que ten consciencia de que se vai morrer”, conclúe.
Para tratar estes contidos, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, contará coa colaboración de varios docentes, tanto do ámbito da psicoloxía como alleos. O xoves 9 ás 17h. comeza cos obradoiros previos, impartidos polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade da Coruña e vogal da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia en Galicia, José Antonio Seoane Rodríguez; e con Laura Álvarez-Cienfuegos, psicóloga clínica do Programa de Saúde Mental Perinatal do Hospital madrileño Gregorio Marañón.
Como é tradición nas Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, presentarase o novo número do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, ademais de reservar un espazo para as comunicacións libres e pósteres, que foron remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación por valor de 200 euros.
As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.