O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que boa parte dos investimentos que ten previstos o Goberno galego na cidade están paralizados polo Concello de Lugo, que “pouco ou nada avanzou nos proxectos que acordou hai un ano a alcaldesa co presidente da Xunta”.
Arias apunta que “se pasamos revista ás demandas que a propia alcaldesa presentou naquela cita, resulta que na maioría non moveu ficha para avanzar, e nalgún caso tropezou no intento”.
A alcaldesa de Lugo non conseguiu fondos do Goberno central para a creación do Museo da Romanizacion no Cuartel de San Fernando.
Con respecto ao posible pavillón polideportivo a construír en Garabolos, que contaría co apoio da Xunta, o Concello non presentou ningún proxecto para poder materializar o cofinanciamento.
O mesmo ocorre coas actuacións de saneamento de Esperante previstas polo Goberno galego, que está agardando a que o Concello de Lugo envíe o proxecto para poder firmar o convenio que lle permita a Augas de Galicia licitar a obra.
Entre outros asuntos pendentes, o Concello segue sen ofrecer unha parcela para que a Xunta poida construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, o que impediu valorar o seu custe e incluílo nos orzamentos de 2024; pese a elo, habilitarase unha partida para redactar o proxecto no caso de que se dispuxera da parcela ao longo dese exercicio.
Na mesma liña, o Goberno galego segue á espera de que o Concello ofreza os terreos nos que edificar as vivendas que estaban previstas no Castiñeiro, para o que conta cunha asignación orzamentaria de case 8 millóns de euros, dos que 2,8 proceden de fondos europeos. Mentres tanto, xa licitou os proxectos para construír 146 pisos en dúas promocións que se levantarán en solares autonómicos en Garabolos.
Arias tamén lamentou que o auditorio de Magoi continúe pechado a día de hoxe, incrementando constantemente os prazos previstos para corrixir unhas deficiencias ocasionadas por ter pechada durante tanto tempo esta nova infraestrutura, privando aos lucenses dun edificio que está á altura dos grandes centros culturais de Galicia.
Igualmente, o Concello opúxose á Rolda Leste, que dispoñía dunha consignación de 6 millóns de euros para empezar as obras este ano, e “parece que só se puxeron obstáculos desde que se confirmou o investimento”. Tamén o Plan Paradai contempla unha partida económica nos orzamentos das últimas anualidades á espera de que o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil cheguen a un acordo que anuncian reiteradamente pero que nunca se acaba de producir.
“Ou por pura conveniencia política ou por falta de xestión, o Concello só pon trabas aos investimentos do Goberno galego no municipio, se ben os realmente prexudicados son os veciños”.
A boa vontade da Xunta para sacar adiante calquera iniciativa que beneficie á cidade demostrouse en que “fomos nós os que urximos a xuntanza co concello na que se desbloqueou o rexistro do 5% do PXOM de Lugo”.