A nova ameaza de redución de titulacións xerou unha enorme preocupación social non só no ámbito universitario, senón no tecido social da cidade
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa das deputadas Olalla Rodil e Cristina Fernández, presentaron ante o Parlamento galego unha lista de iniciativas ante a situación de crise na que se atopa o Campus Terra de Lugo, logo de compartir opinións nunca xuntanza aberta cos colectivos afectados.
A nova ameaza de redución de titulacións xerou unha enorme preocupación social non só no ámbito universitario, senón no tecido social da cidade. Olalla Rodil indicou que «materializar estas mudanzas suporía un durísimo golpe para un campus, como o de Lugo, especializado na formación e xeración de coñecemento arredor das ciencias da terra».
Para a parlamentaria cómpre tamén «ter en conta a realidade demográfica de Lugo e a falta de infraestruturas que lastran, dende hai décadas, o seu desenvolvemento; polo que o Campus debera ser obxecto de medidas de discriminación positiva por parte do Goberno galego e non, como acontece, de esixencias cada vez máis duras para poder manter o seu funcionamento», explicou Rodil.
Por todo isto, o Grupo Parlamentar presentou unha batería de iniciativas nas que pide ao Goberno da Xunta «paralizar calquera intento de recorte no mapa de titulacións e modificar a obriga de contar con 45 estudantes de novo ingreso como esixencia para mantelos, todo isto potenciando campañas públicas encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos graos ofertados», insistiu Olalla Rodil.
Para o BNG o Campus Terra non pode ser obxecto de novos recortes máis aínda en áreas de coñecemento que representan un valor fundamental presente, mais sobre todo futuro, para o País. O campus de Lugo representa un espazo de investigación e innovación de enorme valor para o tecido produtivo da provincia, razón pola que todos os esforzos deben centrarse na súa promoción e na garantía do seu funcionamento.