O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación do espazo de xogos, que contaron co apoio da Vicepresidencia primeira a través da orde de axudas para infraestruturas municipais
A Xunta de Galicia achegou 35.000 euros ao Concello de Chantada para acometer a mellora e ampliación do parque infantil da alameda, situado na rúa Manuel Formoso Lamas, ao carón do río Asma e do paseo fluvial.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, financiada con cargo á orde de axudas da Vicepresidencia primeira para a creación e acondicionamento de infraestruturas municipais.
O proxecto contemplaba incrementar a superficie da zona de xogos desde os 48 metros cadrados ata case 120. Ademais, renovouse o pavimento; incorporáronse elementos como un tobogán, balancíns e columpios -entre outros – e instalouse un valado de madeira nunha parte do perímetro.
A través deste programa, a Xunta colabora cos concellos na creación e mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos públicos como parques infantís, camiños ou redes de alumeado. Tamén se subvencionan obras de construción ou mellora de edificios municipais, así como a adquisición de mobiliario e material para equipalos. A convocatoria deste ano estivo dotada con 3,5 millóns de euros.
Arias explicou que no período 2020-2023, o Goberno galego concedeu 137.200 euros ao Concello de Chantada a través desta orde de axudas para executar proxectos como a construción de vestiarios no complexo deportivo do parque Eloísa Rivadulla, a colocación de xogos infantís no parque de Sangoñedo e a instalación de pistas de pádel na contorna do pavillón municipal.