Besteiro celebra a investidura de Pedro Sánchez e augura que “Galicia será protagonista” con este goberno

por Redacción Galicia

O candidato do PSdeG remarca que os acordos aos que chegaron os socialistas traerán “máis investimentos, máis obras, máis cartos para o noso país”

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, celebrou este xoves a investidura definitiva de Pedro Sánchez como presidente de España e augurou que “co novo goberno continuará o protagonismo de Galicia” durante os próximos catro anos.

O socialista natural de Lugo, que foi o primeiro dos 179 deputados que votou a favor da investidura de Pedro Sánchez no Congreso, valorou como afectará este feito a Galicia xusto ao finalizar a sesión plenaria.

Besteiro remarcou que “Galicia xa foi protagonista no primeiro dos debates desta lexislatura”, cando el mesmo foi o primeiro deputado que falou en galego na Cámara baixa. “A continuación”, engadiu, “chegamos a acordos que van traer máis investimentos, máis obras, máis cartos para o noso país”, apuntou xa que tamén formou parte do equipo negociador do PSOE para a investidura.

Adiantou que durante os próximos catro anos “continuará o protagonismo do noso país, de Galicia” e insistiu en que “fronte á política do odio, da crispación, este novo goberno socialista traerá estabilidade, concordia e convivencia”, concluíu.

Comparte éste artículo
1 Comment