Inclúese dentro das actividades programadas no proxecto Xumarou, que busca mellorar os protocolos de cultivo desta especie nos criadeiros do centro en Ribadeo
O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo realizou hoxe a entrega de 5.000 exemplares xuvenís de ourizo de mar que foron procreados nas súas instalacións da Mariña lucense á Confraría de Pescadores de Lira, que se incorporarán aos bancos naturais desta reserva mariña de Os Miñarzos, en Carnota. Esta iniciativa inclúese entre as actividades programadas dentro da acción de investigación Xumarou, na que se está a traballar desde 2021 e que busca mellorar os protocolos de cultivo desta especie no criadeiro que a Consellería do Mar ten en Ribadeo.
O equipo de investigadoras do CIMA lucense conta cunha experiencia acumulada en proxectos relacionados co ourizo de mar desde mediados dos anos 90. Desde esas datas realizaron múltiples experiencias e xeraron publicacións cos seus resultados, que serviron como base para desenvolver a investigación e desenvolvemento da cría deste equinodermo en Galicia.
No ano 2021, a Consellería do Mar aprobou unha acción de investigación denominada Mellora da produción de xuvenís de ourizo de mar en catividade, Xumarou, que está programada cunha duración de catro anualidades (ata 2024) e conta cunha financiación total que supera os 125.300 euros financiados na súa totalidade polo departamento da Xunta que lidera Alfonso Villares.
Dentro do programa Xumarou está planificada a entrega de lotes de xuvenís de ourizo a confrarías galegas que destaquen pola comercialización desta especie de equinodermo. Do mesmo xeito, a Consellería do Mar promove unha acción de investigación dentro da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (RMIP) Os Miñarzos, relacionada coas poboacións naturais de ourizo de mar; de aí, o interese de incorporar estes 5.000 exemplares de xuvenís entre exemplares adultos que están controlados desde o ano 2017.
Os exemplares xuvenís proceden dunha posta que iniciou a súa fase de cultivo larvario en maio de 2023. A idade destes exemplares é de cinco meses, e a camada foi dividida en dous lotes. Un é o que se entrega hoxe en Lira e a outra partida será para a confraría de Ribadeo, na Mariña lucense, que será nos próximos meses e se determinará en función da climatoloxía e das mareas. Estes exemplares, cun un tamaño medio de 10 mm, foron alimentados con algas mariñas recollidas no litoral de Lugo.
O traslado desde Ribadeo ata Lira, en Carnota (A Coruña) realizouse nas condicións axeitadas de temperatura e humidade, coa finalidade de garantir un transporte que manteña os xuvenís no seu mellor estado, para a súa posterior introdución na zona dos Miñarzos, cuxas poboacións xa están sometidas a estudo por parte do CIMA.
Dada a característica de agrupamento desta especie, pois os ourizos viven de xeito gregario, os xuvenís serán colocados preto dos exemplares salvaxes adultos para favorecer a protección fronte a depredadores. Unha vez introducidas no mar, realizarase un seguimento periódico para comprobar como medran, a súa supervivencia e a capacidade de dispersión na área de Lira.
Con esta medida o CIMA pretende avanzar no coñecemento relativo á adaptación dos xuvenís criados en condicións controladas de laboratorio ao medio natural.