Javier Castiñeira: “Cajoto regala unha suba de taxas aos músicos focenses por Santa Cecilia”

por Redacción Lugo

O PP de Foz advirte que o bipartito pretende que a Escola de Música para menores de 18 anos custe 2,5 veces máis que costa agora

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, sinala que “un dos exemplos máis descarados do zarpazo que o goberno de esquerdas lle está dando aos nosos veciños a modo de impostos é nunha área onde entendemos que é absolutamente innecesario como é a área de Cultura e, concretamente, na Escola de Música”.

As taxas de 73,79€/ano que pagaban os menores de 18 anos pasarán, segundo a proposta do goberno bipartito, a establecerse nos 178,60€/ano. É dicir, custará máis do dobre: practicamente 2,5 veces máis que ata agora. E, no caso dos maiores de 18 anos, vai pasar de 98,82€/ano a 270,63€/ano. “É unha verdadeira loucura esta subida que pretenden o señor Cajoto e o señor Fanego para as taxas da Escola de Música”.

Castiñeira denuncia tamén que “o bipartito suba as taxas sen reunir a comisión de seguimento da Escola de Música que conta con representación da Anpa e da oposición”. Pero “non nos sorprende” porque “o alcalde xa ten demostrado o pouco cariño que lle ten a esta institución que leva moitos anos facendo moi bo traballo no ámbito da cultura do noso concello”. E engade que “dende que goberna o PSOE xa non é que tivera mellora ningunha, senón ao contrario: cada vez que cambian algo é para peor.

O voceiro popular pon este caso como exemplo da “suba de impostos que queren facer este ano para recadar máis”. Neste sentido, Castiñeira pregunta por que PSOE e BNG non anunciaron nos seus programas electorais que ían subir os impostos aos veciños e as taxas da Escola de Música. O popular cre que, nese caso, “os resultados electorais probablemente foran absolutamente distintos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario