A Feira de Nadal de Verín contará con vinte e sete postos temáticos, animación musical e actividades infantís

por Redacción Ourense

Un total de vinte e sete postos temáticos de artesanía e alimentación, animación musical e actividades para os máis pequenos da casa. Así será a programación da próxima feira de Nadal organizada polo Concello de Verín os días 8, 9 e 10 de decembro na Praza García Barbón.

A programación oficial foi presentada esta mañá no Concello de Verín polo concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, Manuel Lorenzo Feijóo e pola concelleira de Turismo, Cultura, Festexos, e Conservatorio, Samanta Barreira.

PUBLICIDADE

Segundo destacou Manuel Lorenzo, finalmente serán un total de vinte e sete os postos temáticos que se instalarán no recinto feiral e que «contarán cunha completa e variada oferta de produtos de artesanía e alimentación». O horario da Feira será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

«Como xa ben sendo habitual, a música terá un especial protagonismo durante a feira», destacou Samanta Barreira. O venres 8 de decembro, ás 19:30 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín inaugurará o recinto feiral, realizando un pasarrúas pola Plaza García Babón e Casco Histórico. O sábado 9, ás 12:30 horas, actuará a Coral de Verín; e ás 19:30 horas, a animación correrá a cargo da Banda de Gaitas Nova Era. Xa o domingo 10, ás 18:00 horas, a Coral “A Tempo” poñerá o broche musical  á derradeira xornada do evento.

Tamén haberá actividades para os máis pequenos da casa. Entre os días 6 e 10 de decembro instalarase na Praza García Barbón un Carrusel Infantil. O horario de apertura será de 12:00 a 14:00 h e 17:00 a 20:00 e o prezo de entrada será de 1 euro.  «Ademais o domingo 10, a partir das 17:00 horas, os nenos e nenas que se acheguen ao recinto da feira recibirán a visita dunha das figuras  máis tradicionais do Nadal: a Papa Noel.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario