A plataforma considera imprescindible o peche da regasificadora de Mugardos e dos ciclos combinados a gas fósil de Sabón e As Pontes antes de 2030
Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma «Galiza, un futuro sen carbón» viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón na nosa terra antes de 2025. Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en «Galiza sen gas» para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035.
O fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos. Así, a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións).
Porén, o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural. Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. O gas é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.
O gas fósil está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética. O seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século (1). A utilización do gas fósil como respaldo das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel. Despois do carbón, o seguinte combustible fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas.
No seu manifesto fundacional (2), a plataforma «Galiza sen gas» proponse catro grandes obxectivos:
- Que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. E acabar axiña coa súa utilización no transporte, que é moi residual.
- O peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética da que detén o 28,6% do capital.
- A prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante «fracking», por ser a técnica máis impactante (razón pola que foi prohibida en España), así como o cesamento da importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos. Neste sentido, cómpre suliñar que 15 dos 28 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2022 procederon de Rusia.
- A oposición ao posíbel hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med. A produción masiva de hidróxeno verde para exportación, ou ben desviaría unha grande cantidade da electricidade renovábel adicional necesaria para deixarmos de consumir canto antes en Galicia gas fósil e produtos petrolíferos, ou ben forzaría a sobredimensionar a capacidade de produción renovábel, fundamentalmente eólica.
A plataforma Galiza sen Gas está integrada inicialmente por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global, Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.