Os socialistas denuncian que o goberno local publica a urbanización de unidades de actuación das normas subsidiarias vixentes do concello de Arteixo, pero non hai noticias sobre o estado no que se atopa o trámite de contratación do novo PXOM e os deslindes cos concellos de A Coruña e Culleredo
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo preguntará no pleno de novembro pola situación da contratación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal despois de 12 anos de promesas incumpridas así como polas iniciativas do goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade de A Coruña.
A voceira socialista, Ana Cedeira, explica que a semana pasada “observamos como o goberno local publicitaba a urbanización de unidades de actuación das normas subsidiarias vixentes do concello de Arteixo, pero seguimos sen ter noticias sobre o estado no que se atopa o trámite de contratación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e os deslindes cos concellos de A Coruña e Culleredo”.
Para o Grupo Municipal Socialista é “prioritario que o noso concello finalice os deslindes cos municipios veciños e elabore un Plan Xeral de Ordenación Municipal para dárlle calidade de vida á nosa veciñanza, xa que unha boa planificación é a base para construír o presente e o futuro do noso concello” sinala Cedeira.
Os socialistas denuncian que os deslindes cos concellos de Culleredo e A Coruña “seguen sen facerse realidade”, e que o Plan Xeral segue paralizado, 12 anos despois da promesa electoral de Carlos Calvelo no 2011 dicindo que non volvería a presentarse como candidato se Arteixo non contaba co PXOM no 2015, e recordan que tamén no 2011 o concello de Arteixo recibiu o documento para a aprobación inicial do PXOM elaborado pola empresa contratada para a súa redacción.
Pero unha vez acadada a alcaldía, “a decisión do grupo de goberno do Partido Popular foi meter o documento recibido nun caixón, e nin tan sequera o mandaron a informar polo servizo de urbanismo” continúa a voceira socialista, quen lembra que xa no 2015 o Grupo Socialista presentou unha iniciativa para resolver o contrato coa empresa concesionaria de redacción do Plan Xeral. “Esa iniciativa foi aprobada por unanimidade, pero o goberno non moveu ficha ata 6 anos despois , cando en 2021 rescindiu o contrato coa concesionaria” engade Cedeira, “pese as múltiples iniciativas presentadas polo noso grupo e o compromiso de que antes de finalizar o 2021 o goberno licitaría un novo contrato”. Pero sinala que finalizou o mandato anterior “e seguimos a esperar por dita tramitación”.
Os socialistas remarcan que “Arteixo segue sen solo público para dotar de servizos educativos, deportivos, sociais,etc.; que a cidadanía do rural segue a esperar a ver que sucede coas súas propiedades, e os mozos e mozas esperando por iniciativas para poder alugar ou adquirir vivendas a un prezo razoable…” polo que volven preguntar no pleno cales foron as iniciativas que levou a cabo o goberno local para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e negociar o deslinde coa cidade de A Coruña, e en que situación se atopa a contratación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.