«Fóra da Lei», unha colaboración con Conjunto Amistá, será o primeiro adianto dun novo álbum que romperá os esquemas da música galega
Boyanka Kostova e Conjunto Amistá lanzan un sinxelo que une a tradición mexicana con ritmos urbanos. «Fóra da Lei» é o primeiro adianto do sexto álbum de estudio que sacarán os rapeiros Cibrán García e O Chicho do Funk (Ortiga). Con este tema, dan un xiro de 180 graos para apostar por un corrido tumbado. Así, convértense nos primeiros artistas urbanos dentro do Estado español que se atreven con esta fusión de estilos.
Da man de Conjunto Amistá, un dúo de ritmos latinos formado por Brais Lobato e Julián Sobrino, Boyanka Kostova continúa con esta mestura de tradición e actualidade. Neste caso, baixo o selo dunha ranchera. Con ela, únense á corrente popularizada por Peso Pluma, pero inspirándose máis noutros artistas como Fuerza Regida, Natanael Cano ou Los Gemelos de Sinaloa. Estes cantantes iniciaron dende México o estilo musical que agora xa se considera unha tendencia internacional.
Os sons de «Fóra da Lei» transportan ao outro lado do océano, pero tamén a un escenario moi próximo: Santiago de Compostela. A canción, cun marcado fío condutor, referencia a esa Compostela nocturna cunhas rúas da zona vella testemuñas dun desamor. Coa mención de lugares como Bonaval, a Praza de Cervantes, a Alameda ou a Catedral, este corrido retrata unha auténtica noite de melancolía pola capital galega.
Tendo en conta o historial do grupo, este tema marca a diferenza na súa discografía. Trap, house, techno, rap clásico… Son moitos os xéneros nos que Cibrán e Chicho foron capaces de adentrarse, unha lista que medra con este novo corrido tumbado. Con sons folclóricos ーacordeóns, guitarras, contrabaixos e tubasー, a canción crea un ritmo pegadizo e envolvente que pon de manifesto a polivalencia e versatilidade musical dos artistas.
«Fóra da Lei» vai acompañada dun videoclip dirixido por Alvite Peillet que ilustra a letra á perfección. A peza está repleta de contrastes entre a tradición e a modernidade: sen ir máis lonxe, aparecen os protagonistas en chándal e con cadeas de ouro tocando en fronte dun cabazo de pedra. Pero o realmente importante é que este vídeo permite vivir unha historia de desamor a través das imaxes que dan vida á música de Boyanka Kostova e Conjunto Amistá. Así, conseguen manter a través dunha ranchera a máis pura esencia dun sentimento tan universal como o dun corazón roto.
Con este sorprendente avance, Boyanka Kostova anticipa o que será un disco disruptivo cheo de novidades e que verá a luz na primavera de 2024. Tras «Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados», o grupo comeza unha nova etapa: xa camiñan cara ao seu sexto álbum de estudio. Son os únicos artistas de música urbana galega que poden presumir dunha discografía tan ampla en tan poucos anos.
«Fóra da lei» poderá corearse en directo o próximo 20/04 na Sala Capitol. Convén ir anotando a data no calendario e ir facéndose con entradas para o evento; por aquilo de que a maxia de presentar un disco novo por primeira vez só sucederá ese día. Por aquello de que se «Fóra da lei» é só o primeiro adianto, imaxinen todo o que Boyanka Kostova ten aínda por ofrecer