O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a rúa Monte Pena Rubia, o único acceso para vehículos que ten o barrio de Casás, e que se está a ver afectado polo tratamento dos xacementos de auga que está a dar a Xunta de Galiza ao terreo no que se está a construír un aparcadoiro na Avenida Breogán. Alexandre Penas anunciou que a Concellería de Infraestruturas manterá contactos coa Xunta «para reclamar un mellor tratamento a estas augas e evitar danos a futuro na rúa».
PUBLICIDADE
Actualmente, veciñas e veciños da zona quéixanse de que, desde o comezo das obras, a rúa viuse anegada en máis dunha situación, dificultando o paso de vehículos e bloqueando o paso peonil. «Existe un segundo acceso para peóns, mais está deshabilitado debido ás obras, polo que esta rúa é actualmente o único acceso a este núcleo de poboación», afirmou o edil de Infraestruturas, que engadiu «a Xunta ten que garantir as mellores condicións de acceso para as veciñas e veciños mentres duren as obras e ao mesmo tempo traballar nunha solución que evite problemas unha vez os traballos estén concluídos».
Segundo Alexandre Penas, «a Xunta ten que actuar canto antes para reducir os riscos de danos maiores neste vial e garantir o benestar da veciñanza». A concellería de Infraestruturas seguirá en contacto coas veciñas e veciños da zona «e seguir a traballar na mellora dos espazos públicos de Lugo».