Curioso tempo este no que parece prevalecer a festa e o lucerío, tamén os Plenos urxentes para falar de «tordadas», maila que os pacientes graves teñen que apearse en «Punta del Este» para continuar viaxe ata o CHUAC ( noutra ambulancia máis axeitada), traslado en dúas fases, como se non tivesen cartos dabondo para as «cousas que si importan» e sobran billetes verdes para sueldazos no Consistorio ou bailes múltiples e lucecitas do nadal.
Aquí, na Costa da Morte, pagamos o tope de impostos a-legalmente como se tivesemos tódolos servizos mínimos, que se entenden lóxicos para habitar nun lugar, falo de depuradoras, alcantarillado e saneamento, cunetas de verdade, beirarrúas transitables e esas cousas que teñen noutros Concellos. O do peche dos parques de bombeiros por falta de persoal, suponse que por efecto da folga, é a guinda do pastel para unhas navidades estrañas nas que temos prohibido estamparnos no coche, por se non temos ambulancia medicalizada ou por se non poden escarcelarnos por falta de bombeiros.
Mentras todas estas deixadeces acontecen en curioso silencio, a plana maior dos Gobernos Municipais xúntanse para falar de Puigdemont ou de Palestina. E son temas interesantes, non o nego, pero seguimos na berza e non somos capaces de ver o coleiro e, moito menos a leira ou a pista toda chea de fochancas que, polo que podo advertir, ninguén vai arranxar ata as vindeiras eleccións. Promesas en saco roto e débedas que medran, namentres sempre é noite na casa do pobre.