Ameijide considera que «ou mentiron a semana pasada ao aprobar uns orzamentos que non recollen partidas orzamentarias concretas para abrir este centro ou mentiron hoxe aos veciños ao dicirlles que o van abrir a pesar de non dispoñer de partidas económicas»
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, urxe ao goberno de PSOE e BNG que preside José Tomé a “poñer unha data” á apertura da residencia comarcal de Becerreá.
Trala reunión do goberno provincial coa Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o popular lamenta que “aínda non levan unha semana aprobados e o goberno provincial xa ten que emendar os seus propios orzamentos” porque “non contemplan fondos con nomes e apelidos para a apertura deste centro de maiores”.
Como xa advertía o popular “o goberno provincial non ten proxecto”. De feito, “os orzamentos non contemplan diñeiro para cumprir os compromisos de abrir residencias, o que demostra que non estaban pensando precisamente en política social”.
Ameijide considera que “os responsables do goberno provincial non teñen ningún respecto pola verdade” porque “ou mentiron o pasado martes no Pleno ao aprobar unhas contas que non recollen partidas económicas concretas para a posta en marcha desta residencia ou mentiron hoxe aos veciños ao dicirlles que van abrir unha residencia para a que non dispoñen de partida nos orzamentos do 2024”.
Os populares esixen que “o goberno da Deputación aclare se vai abrir este centro de ámbito comarcal e que diga unha data. Non pode ser que o señor Tomé e o señor Rivera se sigan rindo dos veciños de Becerreá e de toda a comarca ao dicir unha cousa -que se vai abrir a residencia- e a contraria -que non hai data prevista-.
O PP leva tempo reivindicando a apertura do centro que se rematou de construír fai arredor de dous anos. Á vista de que o goberno provincial anunciara para o 2024 a apertura de dous centros aínda en construción, o Grupo do Partido Popular interesouse nos últimos dous plenos da corporación por coñecer os avances de cara á apertura da residencia de Becerreá unha vez que xa está instalado o centro de transformación de enerxía, pero sen que o goberno provincial avanzara ningunha previsión.