A programación musical de Nadal chega este domingo ao Teatro Colón

por Redacción A Coruña

Juan Miguel Romero Llopis e Pedro Martínez Tapias dirixirán ás dúas agrupacións nunha actuación conxunta que incluirá polkas e valses de Strauss e Tchaikovsky, así como unha lembranza musical a Rogelio Groba

O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, promove esta fin de semana un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que actuará no Teatro Colón acompañada da Coral Polifónica El Eco e por integrantes do Conservatorio Profesional de Danza.

A cita terá lugar este domingo 17 (12.15 horas) e abre camiño á programación musical de Nadal prevista nas vindeiras datas no Teatro Colón, onde o público tamén poderá disfrutar, entre os meses de decembro e xaneiro, de artistas e agrupacións galegas como Susana Seivane e Leilía, así como co Coro Novo e Infantil, a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia e a Orquestra de Cámara Galega.

No caso do concerto previsto este domingo, a Banda Municipal e a Coral Polifónica El Eco volven a unir forzas para interpretar un programa de Nadal cun repertorio asociado a estas datas festivas, con panxoliñas e outras composicións de inspiración navideña, ás que se sumarán outras pezas de carácter desenfadado que farán as delicias das persoas asistentes.

O concerto estará distribuído en tres bloques musicais. Abrirase cunha melodía de concertos de Aninovo, con polkas e valses de Strauss Tchaikovsky, e na segunda parte xa cobrará protagonismo a Coral Polifónica El Eco. Haberá tempo, a continuación, para disfrutar cunha panxoliña do compositor Rogelio Groba e con máis pezas clásicas do folclore galego, «mais están previstas moitas sorpresas para o público ao longo da actuación», avanza Juan Miguel Romero Llopis, director titular da BMMC.

Ademais de Llopis, á fronte das agrupacións tamén estará o barítono coruñés Pedro Martínez Tapia, que leva a batuta da Coral Polifónica El Eco. Tapia, que xa colaborou anteriormente coa Banda Municipal, licenciouse na Escola Superior de Canto de Madrid, e comezou o seu percorrido artístico nos coros infantís e xuvenís de El Eco e Cantábile.

A actuación deste domingo 17 (12.15 horas), como xa é habitual, será de acceso libre ata completarse a capacidade prevista no recinto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario