Trátase dunha publicación divulgativa que inclúe máis de medio milleiro de datas especialmente importantes que fundamentan unha visión xeral deste proceso
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe Cronoloxía xacobea: unha visión de conxunto das peregracións composteláns, a primeira cronoloxía dedicada ao Camiño de Santiago e ao conxunto da cultura xacobea ao longo da historia que vén de ser editada pola Xunta de Galicia no marco do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade.
Como expresou, trátase dunha obra “especialmente interesante para coñecer de xeito global o fenómeno das peregrinacións e a súa orixe e evolución”. Neste sentido, recordou que a publicación inclúe 560 datas relevantes que expoñen en orde cronolóxico algúns momentos que marcan ao longo dos séculos a historia das peregrinacións composteláns.
Inclúense fitos como o renacemento xacobeo especialmente importante na década dos 80 e sobre, todo, nos 90 do século pasado. Non falta, por exemplo, o recoñecemento, en 1987, do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, o nacemento do asociacionismo xacobeo que comeza a estenderse naquel momento por todos os continentes ou a data clave de 1993, cando foi recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
“E inclúe outros moitos fitos importantes daquel mesmo ano como a inauguración da Rede Pública de Albergues, a celebración do primeiro Xacobeo da historia ou a creación da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, entre outros”, explicou Xosé Merelles.
A publicación, é obra do xornalista Manuel F. Rodríguez, está editada por Turismo de Galicia en colaboración co ‘Centro de Estudios Jacobeos de Castrojariz’, impulsado á súa vez como sección española da ‘Confraternita di San Iacopo di Compostella’, con sede en Perugia, Italia.
No acto estivo acompañado polo presidente de honor do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken, responsable do Centro de Estudios de Castrojeriz; o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa; e o autor da publicación, Manuel F. Rodríguez, técnico cultural desta entidade e autor de numerosas publicacións. Tamén estivo presente no acto Francisco Singul, xefe de Cultura Xacobea da SA de Xestión do Plan Xacobeo e quen colabora na obra.
Visión de conxunto
A cronoloxía elaborouse en 2020 para publicar nunha axenda para o Xacobeo 2021-2022 e na web deste evento. O obxectivo foi elaborar unha cronoloxía divulgativa que, a través dunha selección de referencias do pasado identificadas con cada día e mes deses dous anos, fixese posible a súa difusión diaria ofrecendo, á súa vez, unha visión global deste proceso histórico e as súas múltiples realidades.
Finalmente, logrouse seleccionar unha data xacobea do pasado coincidente con cada un dos 365 días do ano. Incorporouse, mesmo, o 29 de febreiro dos anos bisestos. Tamén se seleccionaron outras datas a maiores para varios dos días por consideralas idóneas para fundamentar aínda con máis solidez esa visión xeral pretendida, publicándose como material complementario na web.
Na publicación hai tamén algunhas datas -en total, 34 das 560 incluídas- onde non se achega o día en que o feito do que se trate se produciu. Seleccionáronse coa pretensión de acabar de contextualizar a visión xeral do fenómeno xacobeo ao longo da historia. Trátase principalmente de cuestións moi relevantes con data descoñecida ou incerta cuxo ámbito temporal é anterior ao século IX e de determinados feitos que axudan a completar a cosmovisión do mundo xacobeo. Tamén se achega a relación dos anos santos composteláns e os Xacobeos, dada a súa relación coa peregrinación a Santiago.
Acto central, o sábado
Xosé Merelles recordou que a programación conmemorativa da Xunta de Galicia polo 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade encara a súa recta final e continuará mañá venres 15 e sábado 16 -día do acto central- con xornadas académicas que incluirán mesas redondas para afondar no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas. O urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte, a historia con mesas redondas cun salientable espírito europeísta, que permitirán repasar estas tres décadas e reflexionar sobre o futuro.