O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, inaugurará o sábado xunto ao candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a Convención que o domingo pechará a vicepresidenta primeira Nadia Calviño
O PSdeG-PSOE trasladou aos numerosos participantes na súa Convención Política “un documento aberto con 232 medidas destinadas a transformar Galicia e afrontar os desafíos económicos, sociais, ecolóxicos… que o noso país necesita tras 14 anos de inacción do PP de Feijóo e Rueda”. “O obxectivo socialista, segundo declarou José Ramón Gómez Besteiro, “é transformar Galicia para que comece a camiñar de seu e sexa dona do seu destino”.
Os socialistas galegos encaran así a Convención Política que celebrarán esta fin de semana na Cidade da Cultura e que inaugurará o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e clausurará a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, nunha mostra de apoio pechado ao candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gómez Besteiro, no lanzamento do proxecto programático de cara ás eleccións autonómicas.
Dende o PSdeG trasladaron aos cargos orgánicos e agrupacións as propostas que servirán de base para o traballo desta fin de semana entre os máis de 1.000 participantes na súa Convención Política. Trátase dun documento vivo, que contén de inicio ata 232 medidas concretas, que serán enriquecidas coas achegas e emendas acordadas nas diferentes mesas de debate.
O documento inicial é o resultado dun intenso traballo previo feito coas agrupacións socialistas, os diferentes representantes do partido e representantes da sociedade civil, que nas últimas semanas fixeron chegar ao PSdeG as propostas que conformarán as bases programáticas.
Os participantes en cada un dos paneis reuniranse este sábado 16 a configurar as propostas coas que se conformará o futuro programa electoral, logo de que na mañá da primeira xornada da Convención Política o presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, acuda a dar o seu respaldo a Besteiro como candidato a presidir a Xunta de Galicia.
Catro paneis para afrontar os retos de Galicia
O primeiro dos paneis, co lema “Construír a Economía Verde ao Servizo dos Galegos”, estará coordinado polo reitor en funcións da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e afrontará os retos de cara ao futuro no ámbito económico buscando aproveitar as oportunidades da transición ecolóxica e a potencialidade de Galicia como motor de xeración de emprego e reindustrialización.
Ata 53 medidas configuran xa no documento inicial para atallar aspectos como as eivas do mercado de traballo, afrontar a transición ecolóxica de forma xusta, impulsar a economía social, así como o I+D+i como motor de transformación, do mesmo xeito que abordan os retos dos sectores tradicionais como a pesca, a gandaría ou a agricultura.
“Recuperar uns Servizos Públicos que Garantan a Igualdade de Oportunidades” será o obxectivo dos participantes no segundo dos paneis da Convención, que estará coordinado polo ex ministro de Sanidade, José Miñones. Prestarán especial atención ás medidas para revitalizar o minguado Estado do Benestar logo dunha década e media de recortes e deterioro constante.
Centraránse especialmente nos piares do sistema público: a sanidade, a educación e os servizos sociais, como motores para a igualdade de oportunidades e proporán ás actuacións a facer polos poderes públicos para eliminar as diferenzas e discriminacións que poida haber por razón de sexo ou identidade sexual, etc. En resumo, os socialistas parten con 80 medidas neste bloque, sendo o máis nutrido xa que entenden que a protección dos servizos públicos é a base de todo o proxecto socialista.
O terceiro dos bloques do evento, coordinado pola exsecretaria de Estado de Transportes Isabel Pardo de Vera, versará sobre a importancia de “Avanzar na Cohesión Territorial de Galicia” para unir o país ante o desafío do éxodo rural e a maior masificación das cidades, abrindo unha fenda entre as dúas realidades cada vez máis afastadas.
Partindo de 48 medidas iniciais, estudiarán a necesidade de ordenar o territorio dacordo coas novas esixencias de sustentabilidade ambiental; garantir o dereito de acceso á vivenda nun mercado cada vez máis tensionado; analizar a mobilidade e as infraestruturas que deben conectar ao conxunto da Comunidade; debater as medidas que deben axudar a frear a crise demográfica que sofre Galicia ou as destinadas a potenciar o turismo de forma desestacionalizada, sostible e permeable ao conxunto do territorio.
O último dos paneis é o que atinxe especialmente ao modelo de país que defende o PSdeG, titulado “Un Novo Modelo para Propiciar a Segunda Transformación de Galicia” e que está coordinado pola exdecana da Facultade de Ciencias Políticas da USC Nieves Lagares, que deberá afrontar os desafíos do autogoberno de cara ao futuro.
Partirán de 51 propostas para abordar estes desafíos, entre os que están a asunción de novas competencias e a reforma do Estatuto na próxima lexislatura; a recuperación do peso de Galicia en Europa e no mundo; as medidas para a rexeneración democrática das institucións, incluíndo a recuperación da pluralidade nos medios de información públicos; a mellora do funcionamento da Administración; ou como reforzar a lingua e a cultura galegas como principio básico da nosa identidade.
En definitiva, o importante para os socialistas galegos é traballar para que “Agora camiñe Galicia”, para que teña máis autogoberno, decida o seu futuro e sexa dona do seu propio destino.