En resposta á crecente preocupación dos veciños sobre o estado do Centro de Saúde de Dodro con carencia de médicos, entre outros, reuniuse hoxe nunha concentración para expresar a súa profunda inquedanza e esixir accións concretas para preservar e reforzar os nosos servizos de saúde.
A concentración, que tivo lugar diante do Centro Médico de Lestrobe, reuniu a un numeroso grupo de usuarios e veciños comprometidos coa defensa da sanidade pública como un dereito fundamental para todos os habitantes do noso concello. No transcurso da concentración leuse o “Manifesto pola Atención Primaria Sanitaria” no que se fixo unha análise da situación actual no centro médico: “Nas últimas semanas, o centro de Saúde de Dodro veu recortado o seu cadro de persoal, a marcha dun facultativo médico non foi cuberto cun novo profesional médico, co que unha persoa soa tivo que facerse cargo do traballo de dúas. Isto quere dicir:
- Maior número de consultas.
- Ampliación do tempo de espera para ser atendidos.
- Estrés para o profesional médico.
- Maior utilización do servizo de urxencias.
- Maior desprazamento para as consultas médicas.
Todo isto redunda nunha peor calidade do servizo sanitario, servizo fundamental nun concello con tanta poboación maior.
Isto non é nada novo en Dodro, onde o servido de pediatría que atende tres días a semana tampouco é cuberto ante a falta deste profesional por deferentes motivos, baixas, vacacións…, chegando a estar en períodos de 15 días sen persoal que atenda aos nosos menos e nenas.
O goteo incesante de problemas creados por quen ten que lle poñer solución, fai que hoxe, teñamos que reivindicar o que pensabamos que sempre estivo aquí, para coidarnos, unha sanidade pública de calidade e próxima, tanto na distancia física como na calidade da asistencia.”
O manifesto rematou coas demandas dos usuarios no que se reflexou as solicitudes dos mesmos:
“Demandamos da Consellería de Sanidade a inmediata solución deste problema de falta de persoal médico, algo que non é de hoxe, pero que se ben agravando nas últimas semanas e que segue unha liña de desmantelamento do servizo sanitario público, que desde Dodro non imos tolerar.
Facemos por último pero máis importante, un chamamento a todas as persoas de Dodro, así como ás organización da sociedade civil, para que nos unamos na defensa da atención primaria sanitaria no noso concello e por extensión nos ámbitos rurais e máis pequenos. Xuntos, podemos construír comunidades con servizos sanitarios axeitados que nos permitan seguir vivindo en Dodro, como o mellor lugar do mundo.
Non ao desmantelamento do Centro de Saúde de Dodro.
O acto rematou lembrando os organizadores que esta concentración non é a derradeira senón que durante os luns dende as 10:30h a 11:30h segue habendo mobilización e os usuarios poden acudir á mesma e que non se vai a aceptar ningunha medida tomada polos responsables que restrinxa a atención sanitaria no concello de Dodro e que están dispostos a volver ás concentracións se non hai solución que volva aos niveis de atención médica anteriores, dous médicos a tempo completo.