Non é algo novidoso, pero si recente e publicitado profusamente por medios galegos -incluidos os públicos- onde se ve a unha xove parella selando o compromiso do seu amor en pleno acto de graduación do noivo, que se estreaba coma Policía Local na Estrada e co mesmisimo presidente da Xunta e omnipresente Alfonso Rueda de mestre de cerimonias. Este tipo de cousas sempre foron moi de película americana, de comedia romántica e dunha cultura que importamos e facemos nosa que, impulsada polas redes sociais, ao final chega a todo mundo, aínda que parte dese mundo non estea nin mínimamente interesado en quen vaia casar, porque iso do matrimonio de extraordinario ten pouco, acontece cada día e ata non hai tanto era algo íntimo e familiar exclusivamente.
Pero a parella que tivo a Rueda de testigo e cómplice non é a única que decidía facer a «pedida» en aberto e para todos os presentes, quixeran velo ou non, porque é bastante recurrente nos últimos tempos. Interrompir concertos tampouco é alleo a estas profusións amorosas, ou seren soprendidas no entorno laboral, en actos públicos ou calquera onde haxa moita xente reunida para que sexan obrigados espectadores de coma un descoñecido pon xeonllo a terra e abre unha caixiña cun anel. A única diferencia con hai dous séculos é que agora podes divorciarte e o «si» non hai que pensalo tanto.
Se tal cerimonia xa é algo anacrónica en si mesma, a publicidade mediática acaba por dárlle un protagonismo ás veces sonroxante, que oscila entre o circense e o grotesco, facendo partícipes a multitudes alleas dese desenfrenado amor cando eles en realidade ían ver cantar a Alejandro Sanz. Se é que aínda canta, ademais de filosofar no Instagram con enigmáticas frases de desamor, que iso si que dura. Xa o dicía Neruda….»Es tan corto el amor y tan largo el olvido». Se leramos máis, casábamos menos, seguro.
Foto COPE