Logopedia foi o servizo máis demandado, con case 42% das consultas. A unidade presta ademais asistencia en psicoloxía e fisioterapia a nenos e nenas de 0 a 6 anos
O Servizo de Atención Temperá (SAT) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño continúa crecendo de forma paulatina dende a súa posta en marcha. Tras a ampliación do servizo despois do primeiro ano de funcionamento, a unidade atendeu xa a 278 familias da comarca dende finais de 2020, familias con fillos e fillas con dificultades de desenvolvemento que poden ser tratadas sen ter que desprazarse de forma continua ata Vigo.
“É fundamental garantir que as familias teñan acceso a estes servizos esenciais preto dos seus fogares, só así poderemos facilitar o desenvolvemento integral de nenos e nenas dende ben pequenos e pequenas”, recalca a alcaldesa, Sandra González. A rexedora salienta que “a atención temperá desempeña un papel crucial na detección de posibles dificultades ou necesidades no desenvolvemento da cativada, permitindo intervencións temperás e personalizadas que maximicen o seu potencial. Por iso seguiremos traballando para asegurarnos que ningún neno ou nena se vexa privado de recibir a atención e o apoio necesarios nas etapas cruciais do seu desenvolvemento”.
Na actualidade, 139 familias de Tomiño, Tui, A Guarda e O Rosal empregan este servizo, 92 delas xa en proceso de intervención, mentres que outras 45 familias están en lista de agarda e outras dúas en fase de valoración. A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez, destaca a alta demanda que ten o servizo na comarca, que xa deu de alta a 139 familias dende o seu arranque.
Aínda que cunha demanda de servizos bastante equilibrada, o de logopedia é o máis solicitado, xa que representa máis do 42% das intervencións. Ségueo de cerca o de psicoloxía, co 34,4%, e o de fisioterapia, co 23,5%. Por concellos, a maior parte das familias proceden de Tomiño (44%), seguidas das residentes en Tui (35%), A Guarda (11,5%) e O Rosal (9,5%).
O SAT Baixo Miño comezou a funcionar nos últimos meses do 2020 e conta cun equipo formado por dúas psicólogas, unha fisioterapeuta e dúas logopedas que atenden na súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. O servizo está destinado especialmente a familias con fillos e fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento dunhas pautas e estratexias que promovan a súa normalización a través de intervencións planificadas por un equipo multidisciplinar.
Os nenos e nenas que chegan á unidade derivados dende pediatría fáiselles unha valoración xeral ou específica nas áreas que o precisan, elaborando despois un Proxecto de Atención Especializada que se coordina co Servizo de Atención Primaria, cos centros educativos e coas propias familias. Algún dos obxectivos cos que traballa esta unidade son potenciar a autonomía e desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades de linguaxe ou problemas de comunicación por trastornos como o TEA, a falta de audición… a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora.
O SAT Baixo Miño está cofinanciado a través de axudas do Fondo Social Europeo e da Xunta de Galicia.