Besteiro desafía a Rueda a convocar eleccións “cando queira e como queira”

por Redacción Galicia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta asegura que “temos un proxecto de primeira para un goberno de primeira” e “somos o partido das solucións para sacar ao país do estancamento e a inercia do Partido Popular”

O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, retou hoxe a Rueda para que convoque as eleccións autonómicas “cando queira e como queira porque os socialistas galegos estamos preparados para gobernar Galicia”.

Besteiro clausurou hoxe a Convención xunto coa vicepresidenta primeira do Goberno de España e ministra de Economía, Nadia Calviño; o secretario Xeral do PSOE galego, Valentín Formoso e o presidente da Mesa da Convención e alcalde de Vigo, Abel Caballero, que os socialistas galegos celebraron durante esta fin de semana na Cidade da Cultura para recoller as achegas ao documento marco do que sairá o programa electoral co que se presentarán ás vindeiras eleccións autonómicas de 2024.

Unha Convención que o tamén deputado nacional por Lugo, cualificou como un “éxito que é de todos e todas” porque logramos “un proxecto de primeira para un goberno de primeira”. E agradeceu a todos e todas as participantes nas ponencias: á militancia, aos profesionais independentes, as asociacións… polas importantes achegas ao programa electoral.

Besteiro afirmou que “somos o partido das solucións. Solucións para unha terra que está estancada, cun Goberno da Xunta instalado na inercia”. Referiuse aos retos da educación e da sociedade do coñecemento, aos desafíos da industria e a economía galega nun momento de transición enerxética desde a sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente, a necesaria transformación do rural, da pesca, da cultura, da igualdade, dos servizos públicos como a Sanidade, a Educación, os Servizos Sociais ou a vivenda…

“Só cando gobernamos os socialistas, Galicia avanza” dixo “porque o programa que vén aplicando o Partido Popular desde a Xunta é o de recortar, pintar e colorear: recorto persoal, recorto atención, pinto nos orzamentos cousas que non fago, e coloreo todo de azul. Despois xa lle poñerá o lacito a TVG…”

Tamén agradeceu a presenza e o respaldo de Nadia Calviño, a quen felicitou polo seu nomeamento como a “primeira muller elixida presidenta do Banco Europeo de Inversiones (…) a galega que máis alto chegou na historia das institucións europeas  (…) e que supón o respaldo á política económica dos socialistas”.

Besteiro insistiu en que Galicia é una prioridade para os socialistas e mencionou algunhas das propostas que marcarán o futuro de Galicia nos vindeiros catro anos: completar o mapa de infraestruturas; priorizar a reindustrialización no marco de transición ecolóxica que coide e respecte o noso territorio; retomar a construción de vivenda pública ao ritmo do goberno de Touriño, que fixo máis en catro anos que Rueda e Feijóo xuntos na última década; recuperar vivenda baleira para poñela no mercado; “e deixar de separar cidade e rural, costa e interior como se foran países diferentes. Son dúas caras da mesma moeda, interdependentes, necesítanse aínda que teñan necesidades específicas. Non quero unha Galicia de dúas velocidades”, concluíu.

Canto a sanidade apostou polo seu reforzamento e aumento de persoal sanitario fronte a solución de Rueda que “é “sentidiño” e que non vaiamos ó hospital (…).Este é o presidente que ten hoxe Galicia”.

E chamou á mobilización das persoas que cren que Galicia é outra cousa: “Quérolles dicir que ese cambio é posible. Nós somos ese cambio posible”, fronte aos 19 anos de Partido Popular que se “queixan por todo e non fan nada”.

O candidato socialista a Xunta insistiu en facer persoalmente “un chamamento a todos os galegos que están convencidos de que Galicia necesita un cambio, para que camiñen con nós” e reiterou que “non me conformo con gobernar, quero gañar”. Para concluír que “ custoume moito chegar aquí… moito… pero aquí estou e aquí quero quedar!”

Nadia Calviño

A vicepresidenta primeira do goberno e Ministra de Economía, Nadia Calviño, deu o seu respaldo á candidatura de Besteiro para que o goberno galego teña un presidente socialista que “aposta polo diálogo e o traballo intenso e conxunto” e que traballe “man a man co goberno de España”. Calviño destacou o perfil do líder socialista e puxo en valor que renunciara a ser ministro para “estar aquí e loitar por sacar adiante á súa terra”.

Salientou a cúa capacidade de traballo “24 horas ao día, 7 días á semana para sacar adiante ao país”, que demostrou que leva “no corazón” o compromiso con Galicia es o “orgullo” de ser galego, que “non se avergoña como outros de falar galego no Congreso”. Aludiu a que Besteiro foi o primeiro en empregar o galego no Congreso no pasado mes de setembro no debate sobre o uso das linguas cooficiais ao que se negou o PP.

Dixo que é “unha persoa con visión de futuro” para encabezar a transición ecolóxica, e “con ambición” para situar a Galicia á cabeza do desenvolvemento económico de Galicia en colaboración co goberno central.

A ministra de Economía reclamoulle ao goberno galego que dea conta da xestión dos 1.500 millóns de euros europeos transferidos dende o Estado, que forman parte do total de 3.000 millóns para esta Comunidade Autónoma que conseguiu Pedro Sánchez. Lembrou que estes fondos teñen que ser destinados ao desenvolvemento das renovables, a infraestruturas, FP, educación infantil e apoio aos galegos e galegas.

Formoso

Calviño interveu logo do secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que chamou á mobilización “ata o último recuncho e ata a última aldea” ata o fin do proceso electoral. Chamou a “ser responsables” para “facer que Galicia volva soñar” para apuntalar un cambio “máis posible que nunca” encabezado por Besteiro.

Comparte éste artículo
1 Comment