O presidente de AMEGA gábase do uso da fala na prensa e de que se cumpran así os desexos de Lamas Carvajal

por Redacción Galicia

Rosa Veiga

Os relatores acordaron a necesidade de dar a coñecer a vida e obra deste pioneiro trascendental en eidos como o xornalismo e o galeguismo

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, gabouse en Ourense de que o uso da fala na prensa actualmente “aínda que mudou, cumpre os desexos” do fundador do primeiro xornal en galego, Valentín Lamas Carvajal, que deveceu porque non haxa “un curruncho na nosa patria onde non se oia a nosa melosiña lenguaxe, e así serán os novos cimentos dun porvir cheo de gloria”, según dixo.

García Fernández interveu na homenaxe celebrada esta mañá no Liceo de Ourense “lonxe” daquel Días das Letras Galegas de 1972 adicado a Lamas Carvajal pero como celebración do 147 aniversario da publicación do primeiro parágrafo do xornal que fundou, “O Tío Marcos da Portela”. Na homenaxe estiveron tamén o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, a tataraneta do homenaxeado, Ana Malingre, o expresidente de AMEGA, Henrique Sanfiz, e o cronista da cidade de Ourense Afonso Vázquez Monxardín.

Na súa intervención, o presidente explicou que en Galicia está “consolidada” unha rede estable de medios de comunicación en galego, dos que 130 forman parte de AMEGA e que non só usan o galego como lingua vehicular senón que difunden “información de todo tipo con ollada galega e así o resto do mundo se entera do que acontece en Galiza e do xeito de vivir en galego”.

Aludiu os problemas, “sobre todo na prensa escrita”, do xornalismo en galego fronte á “dura competencia cos grandes grupos mediáticos foráneos que impoñen referentes que non teñen que ver coa realidade galega”.

Os problemas da prensa galega seguen

Nese sentido, lembrou que “O Tío Marcos da Portela”, sen internet, tiña suscritores no Bierzo, La Habana, Granada ou Zaragoza e animou os actuais medios de comunicación a seguir traballando “arreo” para que galegos e galegas non queden privados do dereito de informarse e vivir en galego como fixo hai 147 anos Valentín Lamas Carvajal co seu xornal, que acadou unha tirada de 4000 exemplares.

Pola súa banda, o expresidente da asociación organizadora do acto, Henrique Sanfiz, puxo en valor o traballo do xornalista e intelectual ourensán, ao relatar que nas redes sociais están a desaparecer os contidos informativos “porque Silicon Valley aprendeu que as novas son un negocio complicado, caro e con escasas marxes, e así era tamén en 1876, cando Valentín Lamas Carvajal publicou o número un do seu xornal monolingüe en galego”.

Según Sanfiz, Lamas Carvajal foi o intelectual galeguista que inspirou a “moitos intelectuais e activistas contra o sistema da Restauración, imperante naquela epoca”, pois co seu xornal difundiu a fala e as súas “críticas sociais” por feiras e mercados para chegar a un público popular que vía reflectidas as súas experiencias cotiás naquela publicación.

“Caciquismo, trabucos, os foros, inxustizas do sistema legal, a emigración como fuxida desesperada son explicados por Lamas como probas de cargo contra unha orde social inxusta”, subliñou.

Lembrou tamén a relación que mantivo o homenaxeado con Basilio Álvarez “o abade de Beiro”, que se considerou debedor de Lamas por ser o seu introductor no xornalismo.

Lamas, tamén poeta e cego, dictou á sua muller

Sanfiz reivindicou a faceta pioneira de Lamas como poeta en galego, no “silencio” dese xénero literario dende que Rosalía publicase os seus “Cantares gallegos” en 1863.

Destacou o labor da súa esposa naquel momento, Amalia Rosina, pois Lamas quedou cego a causa da afección á vista que padecía dende moi novo. “Ela foi quen escribiu as obras literarias e xornalísticas que Valentín lle dictaba” como ocorreu cos seus poemas “Espiñas, follas e frores” publicado en 1875.

Considerou máis que merecida a homenaxe a Lamas Carvajal, tamén director posteriormente do xornal “O Eco de Ourense”, polo seu éxito nun momento histórico no que os índices de analfabetismo eran importantes. “As chaves foron a ironía e o humor da publicación e a conexión dos temas que trataba coas preocupación dos labregos”.

Dez anos de AMEGA

Neste ano 2023, según lembrou o expresidente, hai dez anos que naceu a asociación, que desde 2018 acordou declarar e celebrar o día 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego, por ser a data da publicación de “O Tío Marcos da Portela”, primeira periódica e escrita integramente en galego. A declaración institucional daquela foi lída no Parlamento de Galicia polo seu presidente Miguel Santalices e tivo o respaldo de todos os partidos políticos.

Plan para divulgar a obra de Lamas: aniversario do óbito

Pola súa banda, o responsable de Política Lingüística, Valentín García, aludiu ás dificultades de Lamas Carvajal para subliñar o seu “espírito de superación” mesmo diante da falta de “simpatía” dos intelectuais daquela, como os da Xeración Nós.

“Lamas apostou polo popular e estendeu o prestixio da língua galega, dando pulo á xente que a falaba, fronte ó labor dos intelectuais, en xeral de familias castelánfalantes”, relatou.

Contou polo miúdo o recoñecemento co que contou sempre en Ourense o homenaxeado, pois dá nome a unha rúa, na que se sitúa o Liceo que acolleu este acto, unha estatua no Xardín do Posío e unha placa na rúa na que vivíu.

“Algo haberá que facer no resto de Galicia para divulgar a súa obra porque o galego vai medrando, pero queda moito por facer neste mundo das redes sociais”, engadiu.

“O mundo galeguista o miraba de esguello”

Vázquez Monxardín falou para argumentar que Lamas non é lembrado como se debería, pois non hai ningún colectivo cultural nin centro de ensino que leve o seu nome (fronte a Blanco Amor e Otero Pedrayo que si o teñen).

Así, lembrou un acto galeguista celebrado na inauguración do busto de Lamas Carvajal no 1949, que foi “un triunfo absoluto como homenaxe pública” pois participou o daquela Gobernador Civil. “Todos falaron en galego e ao rematar, o político ergueu o brazo e comezou a cantar un himno franquista pero ningué o seguiu, así que marchou e no Xardín do Posío continuou a festa”, detallou.

Incidiu na “aceptación popular” do traballo de Lamas Carvajal e en que o mundo “culto o miraba de esquello”, e argumentou nese sentido, que en 1925 o “galeguismo” non asistiu a un acto de lembranza de Lamas cando se lle puxo o nome á rúa de Ourense, a pesares de “ser precursor do galeguismo nacionalista cas sús Cartas ós Galegos, xoia escrita en 1875”, afondou.

Finalmente propuxo o vindeiro 2024 para dar a proxección que merece á obra e vida do autor e xornalista homenaxeado pola AMEGA

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario