Dioivo presenta disco en Vigo coa colaboración de múltiples artistas da escena da cidade

por Redacción Vigo

O dúo de metal en galego contará con membros de Atreides, Her Anxiety, Mileth, Infrahumano, Sulf-Atär, Lapsus Mentis ou Ardora

O dúo vigués de metal en galego Dioivo presentará no Pub Transylvania da súa cidade natal o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes, cun concerto que terá lugar este sábado día 23 de decembro. Esta presentación contará tamén coas actuacións do cuarteto segoviano de thrash metal Mortal Maze e o trío vigués de punk rock Karracho. Ademais, xunto a Dioivo subirán ao escenario do Transylvania numerosos artistas da escena rockeira e metaleira da cidade, incluíndo a membros de bandas destacadas como Atreides, Her Anxiety, Mileth, Infrahumano, Sulf-Atär, Lapsus Mentis ou Ardora.

O evento comezará ás 21:00 do sábado 23 no local situado no número 16 da rúa Rogelio Abalde, en plena zona de Churruca, e o prezo das entradas será de 5€ anticipada e de 7€ na billeteira. As entradas anticipadas poderán mercarse a través das redes sociais das bandas que compoñen o cartel ou no propio Pub Transylvania. Polo momento xa foron vendidas as entradas para dous tercios do aforo do local, polo que se aconsella celeridade ás persoas interesadas que aínda non teñan a súa.

Os concertos contan co apoio de diversos colectivos formados por afeccionados e músicos da escena rock e metal na cidade de Vigo, incluíndo a Musik Attack, Raposos Crew, Metal Nostrum Metal & Hard Rock, Vigo Rock Crew e Vigo Metalheads. Deste xeito, as bandas buscan que o concerto sexa toda unha celebración da escena viguesa no seu conxunto. Tamén apoian o evento os colectivos estatais Spanish Thrash Metal Brotherhood e Asalto Mata Radio Rock.

Abrirá a noite Karracho co seu potente punk rock interpretado con saxofón, baixo, batería e voz. Esta innovadora aliñación é toda unha declaración de intencións para unha banda que destaca pola súa xuventude, sendo unha das mellores representantes da máis nova xeración de bandas viguesas. A pesar de que aínda non teñen gravacións editadas, xa teñen gañado a pulso un bo nome tocando regularmente en directo por toda a zona de Vigo.

A continuación, subirán ás táboas do Transylvania os segovianos de Mortal Maze, na que será a súa primeira actuación na cidade de Vigo. O cuarteto fundado en 2017 conta cunha dilatada traxectoria, que inclúe concertos por todo o Estado e o lanzamento de dous traballos, incluíndo o seu álbum homónimo de 2021. Este disco será o que presenten ao vivo na cidade olívica, e inclúe cancións como «Social Zombie», da que sacaron un videoclip realizado por Rubén Francisco Burgos de Uruloke Producciones en abril deste ano 2023. Mortal Maze e Dioivo xa coincidiran previamente na segunda edición do Mortal Festival de Segovia en 2018. Este festival, celebrado de xeito anual no centro social La Chatarrería, é un dos eventos metaleiros máis destacados nesta cidade castelá.

Dioivo será a banda encargada de pechar a noite, presentando na súa cidade o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes. Este novo traballo foi lanzado en CD en xuño deste ano 2023 polo selo independente grego especializado en música metal Sleaszy Rider Records. Entre os temas incluídos nel destacan adaptacións de obras da literatura galega como «Que importa que nos craven as cadeas» de Darío Xohán Cabana, «Hai sede na Nova Galicia» de Florencio Delgado Gurriarán, ou «Retorno a Tagen Ata» de Xosé Luís Méndez Ferrín. Estas cancións foron acompañadas de videos musicais realizados respectivamente por Emilia Vidal-Hallett, YOD Multimedia e Brais Gómez Salvador.

Gómez Salvador, colaborador habitual do grupo, dirixiu así mesmo os videoclips de temas como «Cabeiros», incluído tamén en Cara os Ceios Incrementes, ou «Por 100 anos máis», un novo sinxelo lanzado polo grupo o pasado día 17 de setembro para celebrar o centenario do Celta de Vigo. Esta última canción, cuxo lanzamento coincidiu co cabodano do lendario xogador do equipo Hermidita e co 20 aniversario da estrea do Celta en Champions, tamén será presentada en primicia en Vigo neste sábado 23 de decembro.

O concerto do dúo vigués no Transylvania vén culminar a serie de concertos de presentación do álbum deste ano 2023 que o grupo comezou o 11 de outubro na Sala Filomatic da Coruña e que proseguiu por Sarria, Salceda de Caselas, Madrid e Palma. Na capital das Illas Baleares, os vigueses fixeron parte da cuarta edición do destacado festival Extreme Division Mallorca, acompañando a bandas como o lendario trio de death metal estadounidense Master ou o cuarteto catalán de black metal Vidres a la Sang.

Entre os colaboradores que subirán ao escenario xunto a Dioivo podemos atopar a David Rodríguez, baixista da banda ponteareá de black e death metal Sulf-Atär, e a Fabio Angelli, guitarrista da banda de death metal Infrahumano e do grupo de música soul e funk Gandhi Boxing Club. Tamén a Soto, vocalista do cuarteto de heavy metal Ardora, ou a Aarón, baixista do cuarteto de thrash metal Lapsus Mentis. Colaborarán así mesmo a vocalista Aida, do grupo de metalcore Her Anxiety, e o guitarrista Jorge, membro tamén de Her Anxiety e mais de Mileth, banda que mestura metal extremo e folk.

Dany Soengas, responsable da gravación e masterización dos últimos traballos da banda, tamén subirá ao escenario con Dioivo, sendo coñecido pola súa traxectoria en bandas como Atreides, Skydancer ou Lardelúa. Belize Martínez, por outra banda, ten feito parte de formacións viguesas como Sunset ou New Resize, así como da orquestra Rocksonic, que conta entre os seus membros con José Rubio (Ronnie Romero, ex-Nova Era, ex-Warcry) ou Pacho Brea (Ankhara, Herética).

Todos estes colaboradores e colaboradoras acompañarán ao dúo vigués ao interpretar as cancións tanto de Cara os Ceios Incrementes como de outros traballos, xa que o grupo fundado en 2016 conta cunha relativamente ampla discografía que inclúe tamén o álbum Dioivo II e os EPs Dioivo I e Dioivo III, ademais de varias maquetas e sinxelos. A banda naceu poñendo música a Rosalía de Castro e o seu poema «Sempre pola morte esperas», e dende entón fai música en galego partindo da influencia de estilos como o black metal melódico ou o thrash metal. Dende a súa fundación, o grupo está composto por Daniel Valladares Otero á batería e por Jacobo Mouriño Almeida á guitarra e á voz.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario