Nove de cada dez titulados pola UDC que se incorporan ao mercado laboral atopan emprego dentro do primeiro ano despois de graduarse

por Redacción A Coruña

80% das persoas graduadas teñen unha ocupación adecuada ao seu nivel de formación, o 89% no caso dos máster, cun grao de satisfacción de máis de 8 puntos sobre 10

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía; e o director do Observatorio Ocupacional da UDC, Francisco José León Medina, presentaron esta mañá na Reitoría o informe anual de Inserción laboral e características do emprego do alumnado egresado na Universidade da Coruña, nas titulacións de grao e máster do curso 2021-2022.

Segundo os datos aportados polo informe, un ano despois da súa titulación, o 78% dos graduados pola UDC están traballando ou buscan emprego activamente. Isto supón unha mellora respecto do estudo anterior, en que a porcentaxe era do 68%.

Deste 78% de persoas graduadas incorporadas ao mercado laboral, o 89% atopou emprego en menos dun ano despois de titularse; é dicir, a taxa de paro é do 11%, baixando medio punto con respecto ao ano anterior. En canto aos que permanecen inactivos, as dúas razóns principais son a continuación dos seus estudos (59%) ou porque preparan oposicións (35%).

No que respecta aos titulados de máster, un ano despois da súa titulación, o 87% dos titulados incorporouse ao mercado de traballo, supoñendo así mesmo unha mellora respecto do estudo anterior, no que a porcentaxe de activos era do 78%. Dos que se incorporaron ao mercado de traballo, o 91% atopou emprego, é dicir, a taxa de paro é do 9%. Dos que permanecen inactivos, o 80% están dedicados a preparar oposicións.

Estes datos da UDC melloran os resultados da taxa de paro na poboación española con formación superior que, para a franxa de idade de 20-24 anos, se sitúa no 19%.

O reitor, Julio Abalde declarou que estes datos son mellores que os do ano anterior “pero tamén supoñen un maior reto de cara ao futuro para seguir mellorando cada ano”. Abalde resaltou que “ser universitario é ter unha boa formación para ir ao mercado laboral”. “Desde a UDC formamos ao capital humano que fará posible que as nosas empresas, industrias e institucións teñan ese persoal formado e capacitado”, rematou.

Pola súa banda, María José Lombardía, destacou a importancia para a Universidade de dispoñer destes datos. “O Observatorio creouse no ano 2004 e para nós é fundamental saber como se integran os nosos egresados no mercado laboral para ver as nosas fortalezas, pero tamén os aspectos nos que debemos mellorar”.

Aclarou, ademais, que a maioría dos estudos que avalían o acceso ao mercado laboral soen facerse aos tres ou catro anos de rematar, e non no primeiro ano, o cal reforza aínda máis o positivo dos resultados. Afirmou que “desde a UDC sentímonos moi orgullosos da preparación que estamos a dar, non só académica, senón tamén doutra formación que levamos a cabo desde a Universidade, como o Programa de mellora da empregabilidade ou a Feira de Emprego. Desde o noso equipo de goberno seguiremos traballando nesta liña”.

Francisco José León Medina explicou o informe e incidiu en que, tras tres anos usando a mesma metodoloxía de traballo pode detectarse unha certa tendencia, neste caso, de melloría en todos os datos.

Satisfacción laboral

En canto as características do emprego, o 80% das persoas tituladas de grao que traballan teñen unha ocupación adecuada ao seu nivel de formación. Aquí si se aprecia unha diferenza por razón de sexo; o 86% dos homes ocupan empregos adecuados á súa formación, mentres que para as mulleres a porcentaxe é do 74%.

No caso das persoas tituladas de máster, a porcentaxe de persoas que acadan unha ocupación adecuada á súa formación ascende a un 89%. Tamén se aprecian diferenzas entre os homes e as mulleres, sendo un 94% no caso dos homes e un 85% no caso das mulleres.

Polo que respecta ao autoemprego, un 3% dos titulados de grao optaron por esta opción, e o 11% conseguiu un traballo na Administración Pública. Para o alumnado de máster, o 7% optaron polo autoemprego e un 22% obtivo un posto de traballo na Administración Pública.

A un ano da súa titulación, o 61% dos ocupados ten un contrato indefinido no caso do alumnado de grao, e o 72% do de máster.

A satisfacción laboral das persoas tituladas é elevada, de oito puntos para os alumnos de grado e algo superior a 8 para os de máster, nunha escala de cero a dez. O 33% dos titulados de grao ocupados contan cun salario neto mensual igual ou superior a 1.501 euros, e o 38% no caso dos titulados de máster.

A UDC publica anualmente os resultados do seu estudo de inserción laboral para dar resposta á demanda de datos de calidade sobre a transición ao mercado de traballo do alumnado da UDC. Este estudo céntrase na cohorte do curso anterior, é dicir, analiza a inserción do alumnado egresado de grao e máster un ano despois da súa titulación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario