O equipo de Deportes de QPC, dirixido por Alberto Pose e Óscar Leis, organiza este Nadal dous Partidos Solidarios que lle queren dar continuidade ao 11 Ideal escollido polo mundo do fúbol costeiro na Gala do Fútbol da Costa – QPC celebrada en Corcubión ao final da pasada campaña.
Partido da Selección da Costa – QPC Masculina contra o Compostela en Ponteceso en favor de Mi Princesa Rett
Este mércores 20 de decembro, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Ponteceso a presentación do Partido Solidario da Selección da Costa – QPC Masculina contra o SD
Compostela. Un evento que se celebrará o xoves 28 de decembro a partir das 18:00h no Pinguel, que conta coa colaboración do SD Ponteceso, o Concello de Ponteceso e a RFGF.
No acto, a concelleira de Deportes Raquel Fondo deu a benvida e agradeceu que QPC se achegase ata a vila de Pondal para un acto coma este. «Queremos botarlle un gol ao Rett», sinalou Fondo invitando a todo o mundo a encher o Pinguel e axudar a esta familia encantadora da vila. Falaron tamén Víctor Pazos, como voz da SD Compostela, e Miguel Cousillas, presidente do SD Ponteceso.
O equipo técnico formado por Dani Casal e David Castro, que contarán co apoio de Manolo López (nomeado o Delegado do Ano polos colexiados), xa realizou a convocatoria.
O trío arbitral estará formado por Roberto Baña (nomeado Árbitro do ano na Gala do ano pasado), Alfonso Caamaño e Álex Tato.
Antón Lestón será o speaker dunha xornada que terá sorteos fantásticos para animar á xente a mercar rifas para recadar fondos para a entidade.
Ademais, o SD Compostela aproveita para agradecer a todos os xogadores que vestiron a camisola santiaguesa para rederlles unha pequena homenaxe.
Partido da Selección da Costa – QPC Feminina contra o Cambre en Muros en favor da Asociación Galega de Ataxias
O Salón de Actos do Concello de Muros acolleu a presentación do Partido Solidario da Selección da Costa-QPC Feminina contra o Sporting Cambre.
Unha cita solidaria que se celebrará o sábado 30 de decembro ás 16:30h no campo Agra da Filgueira de Louro e que servirá para recadar fondos para a Asociación Galega de Ataxias, gracias á colaboración do Concello de Muros, da UD Monte Louro e da Real federación Galega de Fútbol.
Na presentación participaron María Lago (alcaldesa do Concello de Muros), Damián Torea (concelleiro de Deportes), ademais de Marcos Veloso, Secretario da AGA, que fixo un resumo desta enfermidade, máis ben dos síntomas de varias enfermidades. Foi o corcubionés Rogelio Antelo o que puxo os exemplos concretos que sofren as persoas que a padecen, como perda de mobilidade ou problemas de lingua trabada. «É moi duro que pensen que estou borracho», relatou.
Non faltou o xornalista de 5FM Manuel Lago Tal, que será o animador dunha xornada que terá sorteos espectaculares como unha Noite no Faro de Lariño ou unha camiseta da xogadora do Benfica Pauleta.
O partido será pitado por Aisha González Eirís, Vítor Recarey e David Cancela.
O técnico formado por Fran Figueroa, Rubén Souto e Gini Vidal tamén realizou a súa convocatoria.