A Deputación apoia a creación da Oficina de Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña

por Redacción A Coruña

 O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o convenio de colaboración entre a institución provincial e a Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña para cofinanciar o proxecto de creación e posta en marcha dunha  Oficina de Promoción Tecnolóxica e Industrial.

O orzamento total deste proxecto, que se enmarca no Plan de Emprego Local (PEL),  ascende a 100.500 euros, dos que a entidade provincial achega o 36 %, que supón unha achega de 37.000 euros.

A creación desta nova Oficina de Promoción Tecnolóxica e Industrial (OPTI), obedece á necesidade de desenvolver un plan de promoción industrial na provincia da Coruña e a súa área de influencia. Estará xestionada pola propia Fundación e a súa localización será na sede da Cámara de Comercio e Industria da Coruña.

«A importancia deste proxecto vén dada pola necesidade de contribuír a acadar un sector industrial potente como peza clave para o desenvolvemento da economía e para a xeración de emprego na área da Coruña. Un sector industrial potente resulta unha peza clave para o desenvolvemento do territorio e na Deputación estamos traballando e apoiando proxectos coma este para desenvolver todo ese potencial», afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

A OPTI será un espazo pensado para abordar de maneira proactiva a promoción e a atracción de investimentos, que asumirá un rol facilitador á hora de aglutinar información relativa a factores de localización industrial da área; un rol promotor ao ser a canle de difusión e comunicación sobre o atractivo investidor da área, e ademas actuará como lobby á hora de ser axente impulsor de actividades para o desenvolvemento industrial.

A oficina terá función tamén funcións de «controller», sendo o principal encargado de levar a cabo o seguimento sobre o avance das medidas expostas no Plan Estratéxico de Promoción Industrial.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario